Pontevedra, comarca de
Comarca situada no centro da provincia do mesmo nome e no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Esténdese desde os 43° 10’ aos 43° 25’ N e desde os 8° 10’ aos 8° 35’ O. Limita ao N coa comarca do Salnés, a de Caldas e a de Tabeirós-Terra de Montes, ao O co Salnés, a ría de Pontevedra e O Morrazo, ao S coa comarca e ría de Vigo, e ao L coas comarcas do Carballiño e do Ribeiro. Abrangue unha superficie de 623,9 km2, en que acolle unha poboación de 114.206 h (2001), distribuída entre os concellos de Barro (37,6 km2, 3.468 h), Campo Lameiro (63,8 km2, 2.235 h), Cotobade (134,7 km2, 4.687 h), A Lama (111,7 km2, 2.947 h), Poio (33,9 km2, 14.271 h), Ponte Caldelas (87 km2, 5.921 h), Pontevedra (118,3 km2, 74.942 h) e Vilaboa (36,9 km2, 5.735 h). Esténdese en sentido O-L desde o fondo das rías de Pontevedra e Vigo cara ao límite da provincia. Na xerarquía funcional dos núcleos de poboación, destaca de forma clara a capital provincial, Pontevedra, que exerce como cabeceira aínda que en clara competencia coa rexión urbana de Vigo, especialmente no caso dos concellos situados máis ao S.
Xeografía física
As características físicas non ofrecen homoxeneidade á comarca de Pontevedra, pois pódense diferenciar sectores costeiros areosos, depresións, vales fluviais, pequenas elevacións residuais e serras de relativa importancia con altitudes que superan os 1.000 m. De O a L, a altitude descende desde os 1.035 m do monte Puza, na Lama, ata o nivel do mar no fondo da ría de Pontevedra. Existen diferenzas entre as características físicas dos catro concellos montañosos: Campo Lameiro, Cotobade, Ponte Caldelas e sobre todo A Lama; e os outros catro litorais ou prelitorais: Barro, Pontevedra, Poio e Vilaboa. Nos concellos montañosos as máximas altitudes céntranse no sector oriental, no límite coa provincia de Ourense e coa comarca de Tabeirós-Terra de Montes. As serras que forman parte da Dorsal Occidental Galega, como a serra do Suído, a serra do Cando ou a serra Castrada, xunto cunha gran cantidade de picos e montes illados, caracterizan un relevo moi compartimentado, de pendentes pronunciadas, onde os núcleos de poboación se sitúan a medio camiño entre os vales e os cumes. Neste sector pódense destacar tamén o monte de Santa Mariña (993 m, A Lama), o monte Cabeiro (732 m, Cotobade) ou o Campo das Cruces (803 m, Campo Lameiro). A serra do Suído exerce como divisoria de augas entre os ríos que cara ao O forman a conca do Avia e os ríos da comarca de Pontevedra que desde esta serra discorren en sentido O-L en dirección ao mar, sobresaíndo as concas do Verdugo, Oitavén, Lérez e Almofrei. Os concellos litorais ou prelitorais caracterízanse por ter un relevo menos accidentado, con pequenas elevacións do terreo pero que non superan normalmente os 300 m de altitude. Aquí, os elementos físicos máis importantes son a Depresión Meridiana e as rías de Pontevedra e Vigo. A Depresión aprovéitana os leitos fluviais e as vías de comunicación para dirixir o seu percorrido. Así, ao N, o ferrocarril, a N-550 e a AP-9 presentan parte do seu trazado seguindo esta fosa tectónica, o mesmo que os ríos Grandal e Tomeza con sentido N-S. Pola súa parte, a costa é baixa con numerosas praias no concello de Poio e no concello de Pontevedra. Os recheos da autoestrada que conectan a capital comarcal con Marín só permiten a existencia dalgunha pequena praia, e no concello de Vilaboa, a enseada de San Simón é un espazo cosido polas vías de comunicación que non permiten un axeitado aproveitamento das súas praias. No fondo da ría de Pontevedra destaca a illa de Tambo, pertencente ao concello de Marín. Xeoloxicamente, o sector montañoso caracterízase por unha certa homoxeneidade a partir dunha litoloxía baseada no granito de dúas micas con megacristais, mentres que no sector litoral e prelitoral destaca a alternancia de dúas rochas, o granito con feldespato alcalino e o gneis glandular, aos que se lles unen os diferentes depósitos sedimentarios do Cuaternario, extensos aínda que pouco potentes. Tamén aparece no concello de Barro un amplo sector con granodiorita biotítica do tipo de Caldas de Reis. O clima da comarca de Pontevedra está baixo o dominio climático oceánico hiperhúmido con tendencia á aridez estival. As precipitacións superan por termo medio os 1.500 mm nos concellos costeiros e os 2.000 nos montañosos. Esta diferenza débese a que as masas de aire húmido e quente que chegan do Atlántico en dirección O-L, enfrían e condénsanse ao ascender as serras da Dorsal Occidental Galega, o que provoca que as precipitacións sexan moito máis abundantes a barlovento destas elevacións ca na costa. As temperaturas anuais medias sitúanse ao redor dos 14°C, aínda que con sensibles matizacións no caso dos concellos montañosos, nos que o factor da altitude fai que os termómetros baixen e as temperaturas medias anuais se queden nos 11-12°C. A amplitude térmica entre o mes máis frío e o mes máis quente non acostuma superar os 10°C e o réxime de precipitacións presenta un máximo invernal e un mínimo estival. En canto á vexetación, a maior parte dos montes dos concellos litorais e prelitorais están cubertos por repoboacións de piñeiros e eucaliptos, mentres que nos concellos montañosos aínda se poden localizar carballeiras, soutos e outras especies autóctonas.
Xeografía humana
A poboación da comarca caracterízase pola influencia que a capital provincial e, especialmente a cidade de Vigo, teñen exercido sobre os diferentes núcleos. Por concellos, Barro experimentou un leve crecemento durante o s XX, acadando o seu punto álxido en 1981, para mostrar unha dinámica de signo negativo desde esa data. Vilaboa presenta unha evolución moi semellante, cun máximo de poboación tamén en 1981, e un decrecemento débil a partir desa data. Pola contra, os concellos de Poio e Pontevedra teñen ao longo do s XX un crecemento sostido, sen grandes cambios, que fixo que se triplicase a súa poboación. Os outros catro concellos, montañosos, experimentaron unha diminución no número de habitantes desde o censo de 1900. Perderon vitalidade demográfica debido á emigración, sobre todo aos movementos de persoas que marcharon das súas aldeas buscando mellores condicions de traballo cara á capital provincial e Poio, formando parte do crecemento destes dous concellos. Pola súa parte, Barro e Vilaboa beneficiáronse da súa situación no eixe de desenvolvemento económico que conecta Vigo coa Coruña, pero esta localización non permitiu manter un ritmo de crecemento moi elevado, que de feito se tornou en signo negativo nas últimas dúas décadas do s XX, en favor doutros eixes e corredores. Como consecuencia, a composición por idades varía enormemente entre estes concellos e, aínda que os valores comarcais presenten unha poboación pouco avellentada, co 17,4% do total por riba dos 65 anos e o 14,2% con menos de 15, o certo é que existen grandes diferenzas entre a situación de Poio, Pontevedra, e en menor medida Barro, Ponte Caldelas e Vilaboa, e o que acontece en Campo Lameiro, Cotobade e A Lama, onde os maiores de 65 anos representaban o 30,7% e os menores de 15 anos o 10,2%.
Xeografía económica
A poboación comarcal dedícase na súa maioría aos servizos, pois neste sector agrúpanse o 67% das persoas ocupadas en 2001. Dentro do sector servizos, a maior proporción de persoas ocupadas correspóndese co subsector comercial, que agrupa o 24% dos traballadores terciarios, seguido da Administración Pública, defensa e seguridade social co 16,2%, e por último, o subsector da educación, no que traballaban o 11,4%. En canto ao resto dos sectores económicos, no primario traballan o 5,5% dos ocupados, na industria o 13% e na construción o 14%. A principal actividade da comarca é o comercio polo miúdo, seguido pola construción, a hostalaría, o comercio polo xunto, os transportes, as actividades sanitarias, os servizos persoais e as actividades inmobiliarias. Na comarca existen bastantes empresas de pequeno tamaño e moitas delas sen traballador asalariado ningún, e unhas poucas que dan ocupación a centos de persoas. En resumo, destaca unha economía terciarizada, cun gran peso do comercio, e un ámbito empresarial marcado por un importante número de pequenas empresas e unha serie de grandes firmas que dan traballo a centos de persoas. A rede viaria principal está formada pola AP-9, que percorre a comarca de N a S, o mesmo que a liña de ferrocarril A Coruña-Vigo, a C-550, e a C-541, de Pontevedra a Ourense.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras que conforman a comarca está probada pola abundancia de restos arqueolóxicos localizados. Consérvanse numerosos gravados rupestres, declarados BIC, en case todos os concellos, sobre todo os conxuntos de Campo Lameiro, dos que destacan a Pedra da Boullosa, o Campo de Matabois e a Pedra da Serpe; Cotobade, dos que salientan Portela da Laxe, Outeiro do Lombo da Costa e a laxe da Portela da Cruz; e Poio, dos que destacan os Samieira e Montecelo. Consérvanse tamén restos da cultura castrexa como o Castro Bandulfe (Barro), Santa María de Castro Barbudo o do monte Castrelo (Ponte Caldelas). A presenza romana no territorio amósase nos restos das diferentes vías romanas como a vía XIX do Itinerario Antonino ou a IV vía militar de Braga a Santiago. A historia da comarca está intimamente unida á da súa capital, Pontevedra, fundada segundo a lenda polo heroe grego Teucro. O territorio estivo atravesado pola vía XIX e á súa beira localizouse a mansión de Turoqua, xerme da cidade de Pontevedra. Durante a Idade Media establecéronse diversos mosteiros na comarca, dos que destacaron os Lérez e Tenorio, que exerceron o seu señorío en diversas partes do territorio. A posición xeográfica na beira do mar propiciou que a vila de Pontevedra e os seus arredores fosen atacados en numerosas ocasións por normandos e daneses, o que levou á construción da fortaleza de Cedofeita. Os habitantes de Pontevedra recibiron o foro de Fernando II en 1169. Desde 1180 exerceu o señorío nunha ampla parte do territorio o arcebispado de Santiago. O Camiño Portugués a Santiago percorría as terras da comarca, aproveitando o trazado da vía romana XIX e doutras vías secundarias. A vila desenvolveuse ao redor do porto e da actividade comercial centrada na pesca da sardiña. Acadou o seu maior desenvolvemento no s XVI. A crise iniciada a finais do s XVI e comezos do s XVII afectou tamén ao resto da comarca que dependía economicamente do porto e provocou un cambio na situación económica que se centrou na explotación dos recursos agropecuarios. Durante o Antigo Réxime o territorio permanceu adscrito ás provincias de Santiago e Tui, e dividido nas xurisdicións compostelás de Peñaflor, Baños, Campo e Fragas, Montes, Caldevergazo, Combarro, A Lanzada, Pontevedra, Ponte Sampaio e Xeve, e as tudenses de Cotobade e Soutomaior. No s XIX o acontecemento máis relevante foi a Guerra da Independencia na que tivo lugar a Batalla de Pontesampaio (1809) e a formación da Xunta de Cotobade da que houbo voluntarios que participaron na reconquista de Vigo. Coa abolición do Antigo Réxime e a proclamación da Constitución de 1812 produciuse unha nova ordenación do territorio e conformáronse os concellos de Trasumia, Campo, Fragas, Moimenta, Famelga, Tenorio, San Xurxo de Sacos, Cotobade, A Lama, Poio, Tourón, Caldelas, Insua, Alba, Xeve, Mourente, Pontevedra, Salcedo e Pontesampaio. O regreso de Fernando VII en 1814 aboliu toda a administración municipal e volveuse á organización territorial anterior a 1820. En 1821 recuperouse a organización municipal. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación dos concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Poio, Caldelas, Vilaboa, Pontesampaio, Pontevedra, Berducido, que logo tomou o nome de Xeve, Alba, Mourente e Salcedo. O concello de Pontevedra quedou configurado como na actualidade coa integración dos concellos de Alba, Mourente e Salcedo en 1869, Xeve en 1944 e Pontesampaio en 1960. Co nomeamento de Pontevedra como capital da provincia homónima comezou unha nova época na historia da capital ao asumir novas funcións que impuxeron a súa xerarquía sobre o resto do territorio comarcal que volveu a depender da conxuntura económica da cidade.
Patrimonio cultural
Ademais do amplo conxunto de bens arqueolóxicos que se conservan na comarca, destacan as igrexas de San Martiño de Agudelo (s XII) en Baños; as románicas de Santa María de Fraguas e San Miguel de Campo, e a barroca de Santa María de Moimenta en Campo Lameiro; Santa María de Sacos (s XII), Santa María de Augasantas (s XVI) en Cotobade; as parroquias de Xende e Seixido na Lama; o mosteiro de San Xoán de Poio (BIC, 1971); a igrexa románica de Tourón en Ponte Caldelas; e a igrexa románica de Vilaboa. Na vila de Pontevedra destacan as igrexas de San Bartolomeu, San Francisco, Santa Clara e Santa María a Maior, a capela da Virxe Peregrina, e as ruínas de San Domingos. Fóra do centro urbano destaca o mosteiro de San Salvador de Lérez (BIC, 1971). No eido da arquitectura civil sobresaen o pazo da Estrela (Barro), o pazo dos Contreras (A Lama), os restos do antigo castelo de Cobres en Vilaboa; a vila de Combarro en Poio, declarada BIC en 1972 e as diversas casas e pazos conservados en Pontevedra como o pazo de Mugartegui, o Teatro Principal, o Liceo Casino, as dependencias do Museo Provincial e as prazas da Leña, do Teucro, da Ferrería e da Verdura. Das últimas construcións destaca A Illa das Esculturas e Parque da Familia. Ademais das diversas festas patronais de cada parroquia, destacan as romarías de Santo Antón en Campo Lameiro, dos santos Xusto e Pastor en Cotobade, onde tamén se celebran os cantos de Reis, a romaría das Ermidas na Lama, da Saleta e da Renda en Poio, e a de San Bieito do Lérez en Pontevedra; e as festas da Peregrina en Pontevedra, onde tamén se celebra o Entroido e a Feira Franca.