Pontevedra, Santa María a Maior de

Pontevedra, Santa María a Maior de

Igrexa situada en Pontevedra. Foi edificada co patrocinio do Gremio de Mareantes. A primeira etapa de construción corresponde aos anos 1520-1540, período en que foi o seu responsable Diego Gil, que fixo a obra en estilo gótico renacentista. Continuaron a obra Cornielles de Holanda e Juan Noble, sobre todo na fachada. Posteriormente tomaron as obras Domingo Fernández, baixo dirección de Juan Pérez, e a partir de 1571 o arquitecto portugués Mateo López, que a finalizou. Ten planta basilical con tres naves de diferente altura e estilo, xa que as laterais son tardogóticas e a central ten predominio da linguaxe renacentista. Cóbrese con bóvedas de cruzaría. O retablo maior, realizado en madeira de castiñeiro e nogueira, é obra de Maximino Magariños. Destacan as capelas do Bon Xesús, da Concepción e do Corpo Santo. A fachada occidental é obra de Cornielles de Holanda e Juan Noble (1541), de estilo plateresco e con tres rúas, rosetón central e abundante decoración escultórica, da que destaca o relevo coa representación da morte da Virxe, situado sobre a porta. A fachada remata nun coroamento e unha crucifixión na parte central. Foi declarada BIC en 1931.