Poquelin, Jean-Baptiste
Dramaturgo. Coñecido como Molière, dedicouse ao teatro en compañías ambulantes e fundou o Illustre Théâtre coa familia Béjart. En 1656 representou a súa primeira obra orixinal, Les precieuses ridiculez, que facía unha pintura satírica dos salóns preciosistas. Entre 1656 e 1669 fixo representar as súas comedias máis sólidas, en que a comicidade queda reducida, sobre todo, a un papel formal, e nas que predominan as ideas do moralista: L’école des femmes (1662); a primeira versión de Tartuffe (1664), en tres actos, foi inmediatamente prohibida; ao ano seguinte, tratou dun tema afín e de moda, Don Juan ou le festin de Pierre, que tivo que renunciar a representar, a causa das presións exercidas sobre os seus protectores. O desengano e o sentimento de fracaso e de impotencia fixérono escribir farsas máis lixeiras, como Le misanthrope e Le médecin malgré lui (1666). O estilo cambiou en L’avare (1668), en que o vicio denunciado non é o típico da época, senón que usa unha dimensión de séculos. No ano seguinte, a expresa protección de Luís XIV dálle a posibilidade de facer representar unha nova versión, en cinco actos e moi modificada, de Tartuffe. Despois da querela de Tartuffe soamente produciu divertimentos para as festas da corte ou comedias-ballet, como Le bourgeois gentilhomme e Le malade imaginaire -mentres o representaban tivo un ataque e morreu esa mesma noite. A moral de Molière preconizou un tipo de mentalidade afastada da moda cortesá da época e tratou de ridiculizar os “falsificadores de moeda” (falsos devotos, falsos sabios, falsos elegantes). Este tipo de moral, que pretende corrixir os vicios da sociedade, é particularmente pesimista: os “enfermos sociais” das súas comedias non curan nunca sós, senón que son obrigados, polas circunstancias ou por unha vontade superior á lei, a volver ao camiño da normalidade vixente.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso