Porqueira, Santa María a Real de

Porqueira, Santa María a Real de

Igrexa parroquial situada en Porqueira. Construída no s XVIII en estilo barroco, era unha igrexa de padroado real. Conta cunha soa nave con cruceiro, e con tres capelas, e presbiterio, todo cuberto con bóveda de canón. No seu interior destacan o retablo maior e os colaterais, obras rococó datadas en 1798. A parede da cabeceira, que non encheu o retablo, cubriuse a finais do s XVIII con pinturas murais neoclásicas que representan grandes columnas de fuste liso para dar a sensación dunha arquitectura que sostiña o taboado sobre o que se continuaría o retablo con cinco fornelas coa representación de san Martiño e dos catro doutores da Igrexa. A fachada ten catro falsas faixas, porta arquitrabada e unha espadana de dous ocos e grandes molduras.