Porrúa, Francisco

Porrúa, Francisco

Editor e tradutor. Combinou os estudos de filosofía (1940-1945) na Universidad de Bos Aires co seu traballo como corrector e redactor en diversas imprentas e editoriais. En 1954 fundou Ediciones Minotauro e ao ano seguinte editou o seu primeiro título, Crónicas marcianas, de Ray Bradbury, prologado por J. L. Borges. Director literario (1962-1972) da Editorial Sudamericana, foi o responsable das primeiras edicións dalgunhas das obras máis importantes da literatura hispanoamericana, como Rayuela (1963), de Julio Cortázar, e Cien años de soledad (1967), de G. García Márquez. Ademais, encargouse da edición de obras de autores como Clarice Lispector, Leopoldo Marechal, Álvaro Mutis e Antonio Skármeta.

Entre 1972 e 1977 dedicouse sobre todo á tradución ao castelán de obras en inglés e francés. Co inicio da ditadura arxentina decidiu instalarse en España, onde foi director literario de Edhasa e proseguiu o seu labor editorial á fronte de Minotauro. Nesta última encargouse da edición en castelán de El Señor de los Anillos (1977), de J. R. R. Tolkien, e de obras de autores tan significativos como Angela Carter, William Golding ou Doris Lessing. En 1992 fundou a editorial Interzona e en 2001 vendeu Minotauro ao Grupo Planeta. Recibiu o premio Mérito Editorial na XVIII Feria Internacional del Libro de Guadalajara (2003).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Corcubión

  • Falecemento

    Lugar : Barcelona