Porteiro García, María Xosé
Xornalista e política. Especialista en comunicación corporativa, traballou en distintos medios de comunicación (1972-1984), como El Pueblo Gallego, El País e Radio Popular de Vigo, onde realizou un dos primeiros programas informativos en lingua galega, A bisbarra. Posteriormente ocupou os cargos de xefa de Relacións Públicas e Prensa do concello de Vigo, directora do Boletín de Información Municipal de Vigo e concelleira e tenente de alcalde.
Deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE (1989-1997), foi xerente de Información & Comunicación Local SA (INCOLSA) ata a súa reincorporación ao concello de Vigo (2001) para ocuparse das relacións internacionais e do departamento de prensa da Xerencia de Urbanismo. En 2003 foi concelleira e en 2004 deputada do Congreso de los Diputados. Representou o concello de Vigo na Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. Membro do Consello da Cultura Galega, destaca polo seu compromiso e activismo fronte aos problemas da muller. Foi autora de Quen é quen no primeiro Parlamento galego (1981) e Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas (1981), ambas as dúas en colaboración con X. A. Perozo, e da novela Covardes (2001). Tamén participou nas obras colectivas Informe de la comunicación en Galicia (2000), Comunicación política en Galicia (2001), Estrategias turísticas urbanas (2002), Literatura de mujeres. Once ensayos alrededor de Virginia Woolf (2003) e Narradio, 56 historias no ar (2003). En 2012 escribiu Vine, vi y ... ¡hablé!. Las mujeres frente al discurso público.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Madrid