Portomarín, San Pedro de
Portomarín, San Pedro de
Igrexa parroquial situada en Portomarín. Data do s XII, e a mediados do s XIII contaba cun hospital de peregrinos. Foi consagrada polo bispo de Lugo Rodrigo II en 1182 e dedicada á Virxe e aos santos Pedro, Cosme e Damián. Trátase dunha construción románica realizada en cantaría de granito. De época medieval só queda a portada, composta de tripla arquivolta de medio punto, abucinada e con media cana na rosca e no intradorso, que se decora con motivos xeométricos. O lintel bilobulado data de 1182 segundo se recolle nunha epígrafe. O tímpano é liso. No interior destaca o sepulcro do marqués de Bóveda.