portugués -sa
(< lat v *portucalense)
-
adx
Relativo ou pertencente a Portugal, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Portugal.
-
s
m
[LING]
Lingua románica occidental pertencente ao dominio iberorrománico. É lingua oficial en Portugal, Brasil, Angola, Moçambique, Guiné-Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe e Timor Oriental, territorios que se agrupan na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), fundada en 1996. Tamén ten estatuto oficial en Macau. Fálase igualmente noutras antigas colonias de Portugal, en lugares fronteirizos con países de fala portuguesa e, como consecuencia da emigración, en numerosas zonas con abundante presenza portuguesa. O portugués deu orixe a diversos crioulos, froito do seu contacto coas linguas autóctonas dos lugares colonizados por Portugal en África (crioulos da Alta Guinea, como o caboverdiano, de Guiné-Bissau e Senegal, e crioulos do Golfo de Guinea, como o forro ou santomense, o principense, o angolar e o anobonés ou “fá d’Ambô”; en Angola fálase o pretogués) e Asia (crioulos indoportugueses, como os de Diu, Daman, Korlai, Bombai, Goa, etc, e os de Sri-Lanka; crioulos malaioportugueses, en puntos de Malaisia e Indonesia, e sino-portugueses, os de Macau e Hong-Kong). En canto a América, hai autores que fan referencia a un posible semicrioulo e a algunha variedade en fase de descrioulización en Brasil; o portugués ten así mesmo unha importante presenza léxica no papiamento antillano e no saramacano de Surinam. Segundo as fontes e os criterios que se consideren, as cifras de falantes oscilan entre os 170 e os 230 millóns, o que o converte no oitavo idioma máis falado no mundo.
Evolución histórica
A evolución do latín falado no noroeste da Península Ibérica deu lugar á formación dunha nova lingua na antiga Gallaecia romana, que se foi estendendo cara ao sur a medida que avanzaba a Reconquista, de maneira que na época de García I (s XI) chegaba ata máis alá do Mondego. A ruptura desta unidade e os acontecementos políticos sucesivos determinaron a posterior evolución da lingua. Afonso VI dividiu o reino (1093) ao deixar as terras do norte do Miño á súa filla Urraca, e o condado de Portugal, ao sur do Miño, á súa filla Tareixa. En 1139 Afonso Henriques declarou reino independente o condado de Portugal. O centro de influencia do novo reino, situado nun principio ao redor de Braga, foise desprazando cara ao sur. En 1147 reconquistouse Lisboa, que se converteu en capital en 1255 e, a partir de aí, en foco de influencia lingüística e cultural. O portugués foise configurando de acordo coa norma lisboeta e, segundo algúns lingüistas, coa achega importante do romance mozárabe que se falaba nesa parte meridional, mentres que o galego quedou á marxe dos fenómenos evolutivos do portugués e máis exposto á castelanización, por ficar na esfera política e cultural de Castela. Outros feitos que marcaron a separación entre Galicia e Portugal foron a expulsión dos mouros de Portugal en 1249 e a derrota en 1385 do exército castelán de Xoán I, que intentara anexar o país. A primitiva lingua xurdida en Galicia, o galego falado entre o Miño e o Cantábrico, serviu de vehículo nos s XII (finais), XIII e XIV á poesía trobadoresca, que respondía a unha cultura compartida aos dous lados do Miño, de maneira que na lingua dos trobadores non se observan apenas diferenzas. Esta lingua foi tamén utilizada por Afonso X nas súas composicións poéticas, como as Cantigas de Santa María. A partir do s XIV, as relacións entre Galicia e Portugal deixaron de ser tan estreitas. Os máis antigos textos romances non literarios escritos no reino de Portugal son unha Noticia de Fiadores (1175), de Paio Soares Romeu, e dous documentos escritos no mesmo pergamiño da Noticia, que inclúen anotacións posiblemente feitas tamén en 1175. Outros textos portugueses arcaicos son a Noticia de Torto (ca 1214) e o Testamento de Afonso II (1214), pero ata a segunda metade do s XIII, durante os reinados de Afonso III e don Denís, non se prodigan os textos vulgares en Portugal. No s XIV xorde a prosa literaria en portugués, coa Crónica Geral de Espanha (1344) e o Livro de Linhagens, de don Pedro, conde de Barcelos. No reino de Galicia coñécense algúns textos non literarios escritos en romance pouco antes de 1250. En galego compúxose parcialmente o descort plurilingüe de Raimbaut de Vaqueiras (ca 1197-1201). Dos mesmos anos podería ser a máis antiga cantiga profana que se coñece, “Ora faz ost’o senhor de Navarra” (ca 1196), de Johan Soarez de Paiva. Segundo Luís F. Lindley Cintra, a principios do s XIII debeu de redactarse un foro para a vila de Castelo Rodrigo, do que podería derivar a copia (anterior a 1296) elaborada nunha variedade híbrida, fundamentalmente galego-leonesa. Na historia da lingua portuguesa distínguense as seguintes etapas: preliteraria, desde as orixes ata o s XIII, aínda que hai quen diferenza unha fase máis antiga ou prehistórica (ata o s IX) e outra protohistórica a continuación; portugués arcaico, desde principios do s XIII ata 1550, subdividido por algúns autores en trobadoresco, galego-portugués ou portugués antigo (ata 1385 ou 1420) e portugués común, preclásico ou medio (desde entón ata a publicación do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende en 1516, ou ata mediados do XVI); portugués clásico, ata o s XVIII, e portugués moderno. En todo caso, a partir do s XVI, cando se inicia a tradición gramatical (a primeira gramática é de Fernão de Oliveira, de 1536) e léxica, empeza a fixarse o portugués moderno, que en Os Lusíadas (1572), de Luís de Camões, se mostra xa moi próximo ao actual. Dous fitos importantes nesta evolución foron a proclamación do portugués como lingua nacional e a creación da primeira universidade por parte de don Denís. No s XV comezaron as viaxes dos navegantes portugueses, que fixeron que o portugués se convertese na primeira lingua europea en estenderse polo mundo, a primeira lingua diplomática en ultramar e a primeira lingua do comercio intercontinental. No curso dos ss XVI e XVII converteuse nunha lingua franca nos portos de India e do sueste asiático. Ao mesmo tempo que exercía influencia sobre as falas locais, tamén as recibía, de maneira que todas esas influencias, diferentes en cada lugar, foron contribuíndo á constitución das diversas variedades de portugués.
O portugués no Brasil
Cando Portugal colonizou Brasil, proceso que comezou en 1500, o tupí usouse xunto co portugués como idioma da colonia. En 1757 o tupí foi prohibido e dous anos máis tarde o portugués converteuse no idioma do país. Este recibiu novas e importantes contribucións coa chegada de escravos africanos (sobre todo do yoruba de Nixeria e do quimbundo angolano). Durante o s XVIII acrecentáronse as diferenzas entre o portugués americano e o europeo, ao non adoptar o brasileiro os cambios lingüísticos que tiveron lugar en Portugal pola influencia francesa. Con todo, cando o Rei Xoán VI e o seu séquito se refuxiaron en Brasil en 1808, como consecuencia da invasión napoleónica de Portugal, reduciuse a distancia entre ambas as dúas variedades. Despois da independencia de Brasil en 1822, o portugués brasileiro viuse influenciado polos europeos que emigraron ás zonas do centro e do sueste do país. No s XX, a separación entre ambas as variantes acentuouse máis como resultado da creación de novas palabras en resposta aos avances tecnolóxicos: ao non existir durante bastante tempo un procedemento unificado para a formación de novos termos, certos conceptos tiñan unha expresión distinta en Portugal e en Brasil (comboio/trem, autocarro/ônibus). O movemento romántico de principios de século perseguiu a elaboración dunha literatura nacional brasileira escrita na variedade local, idea retomada polos modernistas (1922). Co tempo, acabaría por constituírse unha norma brasileira do portugués.
O portugués en África
En xeral, nos países africanos o portugués non é lingua materna da maioría da poboación, pero úsase na administración, no ensino, nos medios de comunicación e nas relacións internacionais. Na vida diaria úsanse tamén outras linguas nacionais e crioulos de orixe portuguesa. Precisamente a abundancia de linguas autóctonas nalgúns países, como Angola, fai que o portugués se converta nunha especie de lingua franca. Por outro lado, a convivencia con linguas locais vén causando un distanciamento entre o portugués destes países e a lingua falada en Europa. En Guiné-Bissau a situación agrávase por recibir o país unha forte influencia francófona, debido á súa localización xeográfica.
O portugués en Asia
O portugués usouse amplamente nos portos de India e do sueste asiático durante os ss XVI e XVII. Actualmente, sobrevive só na súa forma estándar en rexións illadas: Macau, que estivo baixo o goberno portugués ata 1999; o estado indio de Goa, colonia portuguesa ata 1961, e Timor Oriental, colonia portuguesa ata 1975.
Características lingüísticas
Fonética e fonoloxía
Ten unha estrutura fonética complexa, caracterizada por:
-Dezanove fonemas consonánticos (/p/, /b/, /t/, /d/, /k/, /g/, /f/, /v/, /s/, /z/, /ʃ/, /Z/, /m/, /n/, //, /l/, /ʎ/, /r/, /R/) e dúas semiconsoantes (/j/, /w/).
-Sistema vocálico tónico de sete vogais, con distinción de timbre na zona media, á que hai que engadir no portugués europeo centromeridional unha distinción entre /a/ e /á/.
-Serie de cinco vogais nasais: /ĩ/, /ẽ/, /ã/, /õ/, /ũ/.
-Ausencia de ditongación de Ĕ e Ŏ tónicos latinos: PĔDE > pé, LĔCTU > leito, NŎVA > nova, ŎCTO > oito.
-Importante redución do vocalismo átono, final e pretónico, no portugués europeo.
-Conservación en fase de ditongación dos ditongos decrecentes AU e AI, aínda que modernamente o primeiro reduciuse a [o] (coa grafía ou), e o segundo a [e] (neste caso, dialectalmente): AURU > ouro [‘oru], LACTE > leite.
-Simplificación das xeminadas latinas: CĬPPU > cepo, GŬTTA > gota, PECCARE > pecar, ABBATE > abade, lat v ADDŪCĒRE > ant aduzer, AGGRAVARE > agravar; sonorización das oclusivas xordas intervocálicas latinas: LŬPU > lobo, MŪTU > mudo, LACU > lago, incluso en contextos de oclusiva + r (PATRE > padre, LACRIMA > lágrima) e fricativización das sonoras, que poden chegar a desaparecer: FABA > fava, NŪDA > nua, STRĪGA > estria.
-Redución das xeminadas latinas -LL- e -NN- en /l/ e /n/, respectivamente: ĬLLA > ela, ANNU > ano.
-Caída do -L- e do -N-: COLŌRE > cor, BŎNA > boa.
-Conservación do F-: FĪLIA > filha.
-Evolución -KT- a -jt-: FACTU > feito.
-Conservación do grupo MB: PALŬMBA > pomba.
-Palatalización nas secuencias [ke], [ki], [kj], [tj], que deron lugar na etapa medieval á africada [ts] (en posición intervocálica evolucionou a [dz]), hoxe reducidas a sibilantes: CĔNTO > cento, FACĔRE > fazer, FŎRTĬA > força.
-Palatalización nas secuencias [sj], [nj]: CASĔU > queijo, VINĔA > vinha.
-Palatalización dos grupos PL-, CL-, FL-: PLĬCARE > chegar, CLAMĀRE > chamar, FLAMMA > chama, onde a africada palatal xorda medieval deu lugar á fricativa palatal xorda actual.
-Evolución dos grupos secundarios -C’L-, -G’L-, así como -LJ- a unha lateral palatal: ŎC’LU > olho, PALĔA > palha.
-Evolución de G- + e, i e J- a unha africada palatal sonora na etapa medieval, reducida a fricativa na actualidade: GĔNĔRU > genro, JAM > ja.
-Palatalización dos grupos -PS-, -KS-: CAPSA > caixa, CŎXA > coxa.
-Confluencia na pronuncia [a -
arte portuguesa
[ARTE]
Arte desenvolvida en Portugal. As primeiras manifestacións artísticas pertencen ao Paleolítico, das que destacan a cova do Escoural (Montemor-o-Novo), con representacións incisas e pitóricas de animais, e o complexo de Vila Nova de Foz Côa. Da época megalítica consérvanse antas e pedrafitas, sobre todo na rexión de Viseu. A cultura castrexa acadou un importante desenvolvemento no N do país. Destaca o castro de Briteiros, onde se localizou a primeira pedra formosa. Consérvanse tamén estelas funerarias, guerreiros, esculturas zoomórficas e obxectos de xoiaría. A maioría das construcións castrexas foron romanizadas a partir do s II. Da época romana destacan as ruínas de Conimbriga e de Miróbriga, e consérvanse restos de vías, pontes como a de Chaves, acuedutos como o de Alcabideque e Coimbra, termas como a de São Pedro do Sul, templos como o de Diana en Évora, e esculturas, sarcófagos e mosaicos. De época visigoda é a igrexa de São Frutuoso de Braga; ademais hai mostras da arte visigoda na decoración escultórica de columnas e capiteis de moitas construcións. A igrexa de Larousa é de estilo mozárabe. Do románico destacan as sés de Braga, que conserva poucos elementos orixinais, Coimbra (s XII), Lamego, Porto e Évora. Non se conservan pinturas ao fresco da época pero si miniaturas procedentes, entre outros, dos mosteiros de Lorvão, Santa Cruz de Coimbra ou Alcobaça. A finais do s XIV comezou a construción do mosteiro de Santa Maria da Vitória de Batalha para conmemorar a Batalla de Aljubarrota (1385) e nel xa se aprecian as influencias góticas. No eido da arquitectura civil e militar destacan as construcións fortificadas como o castelo de Leiria. A escultura tivo unha función decorativa ligada fortemente á relixión. Na pintura sobresae o retablo de San Vicente ou dos Navegantes, obra de Nuno Gonçalves e, na miniatura, o Livro de Horas de D. Duarte (s XV). Durante o reinado de Manuel I (1495-1521) desenvolveuse o denominado estilo manuelino, baseado nas formas do gótico flamíxero, ás que se engadiron elementos renacentistas. Construíronse neste estilo o mosteiro dos Jerónimos de Belem, obra do francés Boytac e de João de Castilho, o convento do Cristo de Tomar, de Diego de Arruda, e a Torre de Belem, de Francisco de Arruda. Na pintura destacaron o mestre de Sardoal, Jorge Afonso, Vasco Fernandes e Francisco Henriques. As formas manieristas foron estendidas polas obras do teórico Francisco de Holanda. Durante o reinado de Xoán III (1521-1557) a arquitectura acadou unha simplicidade que levou a que se desenvolvese o denominado estilo chão. Destacan as igrexas de São Roque e São Vicente de Fora, ambas en Lisboa. A pintura manierista está representada por António Campelo, Gaspar Dias, Diogo Teixeira e Simão Rodrigues. Desde a segunda metade do s XVI destacou a elaboración de azulexos na que sobresae Francisco de Matos. Durante o s XVIII conviviron o estilo chão e as formas barrocas. Destacan o seminario de Santarém, de João Nunes Tinoco, e a igrexa de São Pedro dos Clérigos (Porto) do italiano N. Nasoni, e a obra do pintor Domingos Vieira. Durante o reinado de Xoán V (1706-1750) desenvolveuse unha arquitectura fastuosa da que é mostra o palacio-convento de Mafra, o acueduto de Águas Livres en Lisboa, a biblioteca da Universidade de Coimbra, a torre dos Clérigos en Porto e o santuario do Bom Jesus de Braga. Na pintura destacaron Bento Coelho da Silveira e Domingos Vieira. O rococó francés apréciase no palacio de Queluz, deseñado por Mateus Vicente de Oliveira. Despois do terremoto de 1755 acometeuse a reconstrución da zona baixa da cidade de Lisboa. O neoclasicismo tivo o seu centro en Porto coa construción, entre outras, do Hospital de Santo António. Na escultura sobresaíron Joaquim Machado de Castro e João José de Aguiar, e na pintura Domingos António de Sequeira e Vieira Portuense. A pintura romántica está representada por João Cristiano da Silva, Francisco Metrass e Miguel Ângelo Luppi. A arquitectura ecléctica desenvolveuse na construción de palacios como o da Pena en Sintra. A finais do s XIX destacaron os pintores António Silva Pato, João Marques de Oliveira, Columbano, Rafael Bordalo Pinheiro, José Malhoa, Aurélia de Sousa, Henrique Pousão e António Carneiro. No s XX durante o Estado Novo produciuse unha arquitectura pública, na que estacaron Porfírio Pardal Monteiro, Cotinelli Telmo, Morais Soares e Luis Benavente. A renovación das artes plásticas foi obra, entre outros, de António Ferro, Mário Eloy e Carlos Botelho. Na década de 1940 destacaron os surrealistas António Pedro, Cândido da Costa Pinto, Cruzeiro Seixas e Mário Cesariny, e os neorrealistas Mário Dionísio e Júlio Pomar. A abstracción foi cultivada por Joaquim Rodrigo e Jorge Vieira. Nas últimas décadas do s XX destacaron Costa Pinheiro, António Sena, Lourdes de Castro, João Cutileiro, Ângelo de Sousa, Julião Sarmento, Pedro Calapez, António Cerveira Pinto e Alberto Carneiro. Na arquitectura sobresae, pola súa proxección internacional, Álvaro Siza.
-
cine portugués
[IMAX]
Cine producido en Portugal. Ata a chegada do cine sonoro destacan algunhas producións de José Leitão de Barros, como Nazaré, praia de pescadores (1928) e A Severa (1931), e de Manoel de Oliveira, como Douro, faina fluvial (1930). Na década de 1960 xurdiu unha nova xeración de realizadores, dos que cómpre salientar a Manuel Guimarães, que dirixiu Vidas sem rumo (1956) e Cântico final (1975); Carlos Vilardebó, con As ilhas encantadas (1966); António Reis e Margarida Martins, con Trás-os-Montes (1976); e António de Macedo, con Domingo à tarde (1965), A promesa (1972) e As horas de Maria (1976). A finais do s XX, xunto ao veterano Manoel de Oliveira -premiado en Venecia por A Divina Comedia (1991)-, destacaron Pedro Costa, Joaquim Pinto e Joaquim Leitão. En 2003 faleceu o excéntrico João César Monteiro, realizador de filmes como A comédia de Deus (1995), que destacou en todo o ámbito europeo. A principios do s XXI cómpre salientar o labor de João Botelho, realizador de Quem es tu? (2000).
-
literatura portuguesa
[LIT]
Literatura cultivada en portugués en Portugal, Brasil ou nas colonias. As súas primeiras manifestacións poden localizarse nos cancioneiros da Ajuda e de Colocci-Brancutti (Biblioteca Nacional), que recollen cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldizer, ademais dalgúns subxéneros, como albas e pastorelas. O poema máis antigo está datado en 1189. O cancioneiro mariano de Afonso X o Sabio reflicte a expansión do galego-portugués como lingua lírica en gran parte da Península Ibérica. Os inicios da prosa están vinculados á difusión das narracións artúricas, como a tradución da Demanda do Santo Graal. A historiografía medieval, especialmente as crónicas de Fernão Lopes e Gomes Eanes de Zurara, amosa que a mediados do s XIV a prosa acadara plena madureza. O Renacemento ofreceu abundante historiografía e foi na poesía, especialmente no Cancioneiro Geral (1516), onde os humanistas difundiron un platonismo que asimilou perfectamente Sá de Miranda, introdutor no país do dolce stil nuovo. O creador do teatro nacional foi António Ferreira, especialmente coa obra Castro, mentres que a máxima figura teatral foi Gil Vicente. O autor máis destacado no Renacemento portugués foi Luís Vaz de Camões, autor da epopea nacional Os Lusíadas (1572). A prosa relixiosa cultivárona, entre outros, frei Heitor Pinto e frei Tomé de Jesus. A anexión a España (1580) favoreceu a difusión do culteranismo, que se reflectiu nos cinco volumes da Fénix Renascida, unha escolma (1716) dos poetas máis notables do s XVII, con influencias de Camões e Góngora. Na primeira metade do século destacaron Rodrigues Lobo e F. M. de Melo, e no ámbito da prosa relixiosa António Vieira. O s XVIII contou cos escritores ilustrados Luís António Verney, autor de O verdadeiro modo de estudar (1746), e Francisco Xavier de Oliveira, e xurdiron as academias literarias. No s XIX Almeida Garret foi o creador do teatro romántico e da prosa moderna con Viagens na minha terra. Alexandre Herculano cultivou a novela histórica, a historia e a poesía, mentres que o novelista romántico máis destacado foi Camilo Castelo Branco. Na poesía, a “Cuestión de Coimbra” (1865) representou o enfrontamento entre os primeiros líricos románticos e os novos estudantes de Coimbra que constituíron a denominada Xeración de 1870, lectores de Hegel, Renan e Proudhon: destacaron Antero de Quental, Teófilo Braga, Eça de Queirós (Os Maias, 1888), Guerra Junqueiro e Cesário Verde. O tránsito ao parnasianismo represéntano Gonçalves Crespo e António Feijó. O naturalismo á maneira de Zola cultivárono Abel Botelho e Teixeira de Queirós, Fialho de Almeida e Trindade Coelho. O triunfo do simbolismo apareceu representado por António Nobre, Camilo Pessanha e, sobre todo, por Eugénio de Castro. Orientado cara a tendencias etnolóxico-nacionalistas, Teixeira de Pascoaes seguiu a mesma liña. A revista Presença iniciou os movementos de vangarda e recolleu o espírito de Orpheu (1915), editada baixo a influencia do futurismo italiano. Figuras destacables do grupo Presença foron Fernando Pessoa, Camilo Pessanha, Sá Carneiro e José Régio. Posteriormente, separáronse os neorrealistas, que presentaron os seus principios no manifesto poético Arte Poética, de Mário Dionísio. Tamén a principios de século cómpre salientar a figura da investigadora Carolina Michaëlis de Vasconcelos, experta en textos galego-portugueses, un labor que seguiu M. Rodrigues Lapa. No final da década de 1940 conformouse o grupo surrealista, con Jorge de Sena, mentres continuou a experiencia innovadora, entre outros, con Eugénio de Andrade. A prosa narrativa do s XX comezou con Raúl Brandão, nunha liña rexionalista de raíz testemuñal seguida por Aquilino Ribeiro. Ao redor de 1945 apareceu unha nova corrente realista, de claro compromiso político, patente na obra de S. Pereira Gomes, A. Redol, a primeira etapa de F. Namora, V. Ferreira e algúns narradores máis novos, como U. Tavares Rodrigues, A. Abelaira, J. Cardoso Pires e M. de Seabra. Neses anos xurdiu tamén a figura de Clarice Lispector. A gran revelación da década de 1960 foi A. Bessa Luís, mentres que J. Paço d’Arcos continuou a tradición realista de preguerra. É significativa tamén a achega de escritores pertencentes ao movemento da negritude, como C. Soromenho e L. Vieira. Tras a caída da ditadura (1974), destacaron as figuras de D. Machado e A. Lobo Antunes. Durante uns anos cómpre salientar o labor de escritores consagrados como F. Namora, V. Ferreira e A. Bessa Luís. A narrativa portuguesa de principios do s XXI, tras a morte dun dos seus patriarcas, Miguel Torga, está presidida pola presenza indiscutible do premio nobel J. Saramago e de José Cardoso Pires. Á beira destes escritores medrou un grupo de autores máis novos nun dos momentos máis importantes da narrativa portuguesa: Mário de Carvalho, Natalia Correia, L. Costa Gomes, J. Amaro Dionísio, A. Faria, Lídia Jorge, João de Melo e F. José Viegas. Máis recentes son as achegas de Inês Pedrosa e J. L. Peixoto, e as de autores de obra consolidada como C. de Brito, O. Gonçalves e A. Hatherley. Canto á poesía, domina a personalidade de Eugénio de Andrade e de Herberto Helder, xunto con E. Gonçalves, P. Tamen, F. Assis Pacheco e J. Bento. A consolidación do relevo xeracional chegou cos nomes de Al Berto -Alberto Pidwell-, P. da Costa, F. Maldonado e E. Pitta. No ensaio, a crítica e os estudos literarios, cómpre mencionar, entre outros, a M. Frias, A. Hatherley, E. Lisboa, M. Alberta Menéres, E. Prado e A. Ramos Rosa.
-
música portuguesa
[MÚS]
Arte musical cultivada en Portugal. No s XIII os reis Afonso III e Denís I trouxeron trobadores provenzais á súa corte e cómpre destacar o Cancioneiro de Elvas (s XV). Máis tarde a polifonía flamenca influíu en autores como Damião de Goes e preparou o camiño para a escola polifónica autóctona de Évora, con Duarte Lobo e J. Lourenço Rebello. No s XVIII destacou a influencia de D. Scarlatti, mentres F. A. de Almeida, J. de Sousa Carvalho e, máis tarde, M. A. da Fonseca Portugal cultivaban a ópera italiana. No s XIX hai sinfonistas como J. Domingos Bomtempo, operistas como A. Keil e músicos nacionalistas como J. Vianna de Mota. No s XX destacaron F. de Freitas, Óscar da Silva, F. Lopez Graça, Ivo Cruz e, en música serial, F. Pires e J. Peixinho. A música culta foi protexida modernamente pola Fundação Gulbenkian. A música popular portuguesa acadou o seu éxito grazas ás interpretacións de cantantes como a fadista Amália Rodrigues, que principiou un labor que continuaron, entre outros, Misia e Mafalda Arnouth. No ámbito da música pop-new age, cómpre salientar a cantante Dulce Pontes e o grupo Madredeus e, xa en solitario, un dos fundadores desa formación, Rodrigo Leão. No jazz cobraron importancia os traballos de Carlos Martins.