Posnania

Posnania

Rexión histórica de Polonia, situada arredor da cidade de Poznań, dentro da Gran Polonia. Acolleu desde o s XIII unha numerosa inmigración alemá, que contribuíu ao seu desenvolvemento económico. A segunda repartición de Polonia (1793) atribuíuna a Prusia; a política xermanizadora iniciada polo goberno de Berlín cara a 1830 intensificouse en tempos de Bismarck e de Bülow, pero a acción solidaria do campesiñado, a clase media urbana, o clero e a nobreza fixo que fracasara esta xermanización. A finais de 1918, expulsados os alemáns, incorporouse á nova Polonia independente.