Posse Varela, Xavier
Sindicalista. Emigrou moi novo xunto cos seus pais a Montevideo, onde traballou de camareiro e frecuentou a comezos da década de 1920 os ambientes libertarios. Representante da Sociedad de Resistencia de Mozos y Anexos no consello federal da Federación Obrera Regional Uruguaya (FORU), contribuíu á súa reorganización a partir de 1926. Desterrado en 1933 pola Ditadura de Gabriel Terra, retornou a Galicia e ingresou na Coruña no Sindicato de Camareros Terrestres adherido á CNT. Formou parte do Comité da Confederación Regional Galaica-CNT nos últimos tempos da Segunda República Española e participou en numerosos actos de propaganda por toda Galicia. Co triunfo do golpe militar de 1936, foi detido, torturado e condenado a un ano de prisión por actividades clandestinas. Desde 1945 exerceu de enlace entre o comité da Confederación Regional Galaica na clandestinidade e o comité nacional da CNT, e formou parte do comité local da CNT coruñesa. Desfeito o organigrama cenetista logo das detencións masivas de marzo de 1947, foi condenado a 15 anos de prisión e encarcerado en Sevilla.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Malpica de Bergantiños