Pousa Antelo, Avelino
Mestre, cooperativista e galeguista. Sometido a depuración, o seu expediente como estudante normalista tivo unha penalización de dous anos con imposibilidade de incorporarse á docencia. En 1948, por invitación de Antonio Fernández López, iniciou en Barreiros (Sarria) unha escola unitaria rural, a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros, que, seguindo a metodoloxía didáctica de O. Decroly e outras orientacións propias da escola nova europea, serviría de modelo para outras experiencias de escola rural aberta e integrada no medio campesiño que se levaron a cabo en diversas parroquias de Galicia e, sobre todo, na provincia de Lugo durante os anos cincuenta e sesenta, por impulso de Antonio Fernández López.
Na fin dos anos sesenta reintegrouse de novo ao ensino público, e incorporouse ao grupo de Pedagoxía Freinet en Galicia. Entre 1964 e 1969, dirixiu a empresa Agropecuaria Industrial del Valle del Ebro (AIVESA) nunha explotación gandeira situada en Zaragoza. Durante esta estancia en Aragón obtivo o título de Xerente de Empresas Cooperativas. Publicou a súa tese de diplomatura Cooperativa de esplotación comunitaria pra unha parroquia rural (1968), ampliada con Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego? (1971), que serviu de guía para a constitución da Cooperativa de Explotación Comunitaria de San Xoán da Barcala (1971).
Desde novo relacionouse co galeguismo. En 1931 colaborou co Seminario de Estudos Galegos e pertenceu ás Mocedades Galeguistas e ao Partido Galeguista. En 1936 participou en diversos mitins políticos e na campaña para o plebiscito do Estatuto de Autonomía para Galicia, asinando un manifesto a prol da autonomía. Despois da morte de Franco, foi vicepresidente do Partido Galego Social Demócrata e promoveu o novo Partido Galeguista, do que foi secretario xeral (1978) e presidente (1979), e como tal participou na redacción do Estatuto dos 16 (1979). En 1980 foi nomeado secretario do Padroado do Pedrón de Ouro e en 1986 participou na constitución da Fundación Castelao, da que foi o seu primeiro secretario e, desde 1993, presidente.
Publicou diversos artigos sobre educación, cooperativismo e outros temas en Revista Galega de Educación, Vida Escolar, Cuadernos de Pedagogía, Revista de Economía de Galicia, Grial e en diversos xornais galegos, ademais de manter durante dous anos o programa “O noso agro“ en Radio Galicia. Publicou Reforma das estruturas agrarias de Galicia (1973), Unha escola para a Galicia rural: a Escola Agrícola da Granxa Barreiros (Sarria-Lugo) (1988), Galicia, tarefa urxente (1992) e O Entroido de Perruscallos (2002), ademais de colaborar en diversas obras colectivas como A Galicia rural na encrucillada (1975).
Socio de honra da Nova Escola Galega (1993) e do Seminario Galego de Educación para a Paz (1997), recibiu na Estrada o Premio San Martiño (1997) polo labor de toda unha vida, o Premio Alexandre Bóveda (1998), a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2000), o título de presidente de honra do Patronato Pedrón de Ouro (2004), o Premio Moncho Valcárcel á Promoción da Terra (2004) e a primeira edición de Os bos e xenerosos da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2004). No 2010 obtivo o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Barcala, A Baña -
Falecemento
Lugar : Teo