Pousa Carrera, Xavier

Pousa Carrera, Xavier

Pintor. Comezou a súa formación artística en 1944 con Antonio Fernández. En 1950 recibiu unha pensión da Deputación de Pontevedra e do Concello de Tomiño e asistiu como alumno libre a clases de debuxo no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Ao ano seguinte ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando e realizou a súa primeira mostra en Pontevedra. Estudou os distintos estilos e escolas artísticas españolas e europeas ao longo de diversas viaxes e en 1955 recibiu unha pensión para asistir a El Paular (Segovia), onde cultivou a paisaxe. Neste mesmo ano concedéronlle o Premio de Estado Carmen del Río da Academia de San Fernando. Rematou os seus estudos en 1956 e tras realizar novas viaxes regresou a Galicia en 1959. Durante a súa residencia en Ourense a partir de 1962 vinculouse aos Artistiñas de Vicente Risco, cos que realizou diversas mostras e participou na decoración do Hotel Mindanao de Madrid e dalgúns Paradores de Turismo de España (1966). Ao redor de 1967-1968 cofundou a mostra itinerante A Estampa Popular Galega. En 1969 fixou a a súa residencia en Vigo e seguiu a organizar exposicións en diversas cidades galegas, españolas e americanas. A súa obra é fundamentalmente paisaxística de estilo impresionista na que o tema é algo secundario pois os protagonistas dos cadros son a luz e a cor. A súa pincelada é case caligráfica e a mancha de cor enérxica, solta e sen temor á abundante materia. Nos seus retratos mostrouse como un dominador do debuxo. Cultivou tamén o mural. Realizou, entre outras obras, Retrato do pintor Antonio Fernández (1952), A praza do Campo de Lugo (1955), Solpor (1965), O Dardalleito (1969), Autorretrato (1975), A casa do Barreiro (1978), Casa de Goián (1978), Inverno na Lamosa (1987), Retrato de Antonio Rosón (1987), Alcoba de casa Maragata (1990) e Papoulas (2000). Impulsou a Fundación Mondariz-Balneario e desde 1997 dirixiu a súa Beca de Paisaxe, denominada posteriormente Beca de Paisaxe Xavier Pousa. Foi membro do Patronato do Pedrón de Ouro, do Comité Asesor Artístico de Caixanova, do patronato do Museo Municipal Quiñones de León de Vigo e académico da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario. A súa obra está presente nas principais coleccións, institucións públicas e museos galegos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Goián, Tomiño

  • Deceso

    Lugar : Vigo