Prado Mariño, Melchor de

Prado Mariño, Melchor de

(Santiago de Compostela 1760? - A Coruña 1834) Arquitecto, irmán de Manuel Francisco de Prado Mariño. Foi discípulo de Miguel Ferro Caaveiro na Escuela Patriótica de Dibujo da Real Sociedad Económica Amigos del País de Santiago e en 1792 ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Foi arquitecto da catedral de Santiago de Compostela desde 1807 e arquitecto municipal da Coruña desde 1834. Antes de rematar os estudos (1796) realizou un proxecto de remodelación da cabeceira da catedral compostelá (1794), que non se chegou a materializar, e a reedificación de San Bieito do Campo (1795). Influído polo racionalismo académico e o neoclasicismo, realizou a igrexa das Ánimas, a fachada de San Miguel dos Agros (1814), a colexiata de Santa María de Vigo (1815) e os planos para a fachada principal da Universidade de Santiago de Compostela (facultade de Xeografía e Historia) en 1798, e foi arquitecto municipal da Coruña (1818-1834). Colaborou co seu irmán na realización de retablos, que seguiron as normas académicas, como o conxunto da igrexa das Ánimas (1803-1814) ou o proxecto do altar maior do santuario da Peregrina de Pontevedra. Para a catedral de Lugo realizou o altar do trascoro, entre outras obras, para a igrexa de San Nicolao da Coruña o altar de Nosa Señora das Dores (1828) e deu as trazas dos retablos maior e do cruceiro da igrexa conventual de San Francisco de Santiago (1830-1832).