Prealpes
Conxunto de relevos montañosos situados na periferia dos Alpes Centrais. De altitude moderada, menos de 3.000 m en xeral, están constituídos por unha importante capa de sedimentos, con clara preponderancia das rochas calcarias. O zócolo cristalino aflora en poucos lugares. En xeral, trátanse de sedimentos non moi dobrados e sen metamorfismo aparente, nos que non son abundantes as estruturas complexas. O seu pregamento é unha consecuencia da oroxénese alpina e parecen o resultado da tectónica de frición. Os Alpes, propiamente ditos, e as rexións prealpinas atópanse a miúdo ben delimitadas por unha zona de separación, fisura alpina, como nos Prealpes franceses do N. En relación cos Alpes Centrais, os Prealpes caracterízanse tamén por unhas condicións climáticas diferentes, en xeral, son máis chuviosos na mesma latitude. Desde o punto de vista rexional distínguense catro grupos principais: os Prealpes franceses, helvéticos, austríacos (vertente externa) e italianos (vertente interna).