Prego de Oliver, Manuel
Pintor. Durante a mocidade entrou en contacto co círculo artístico e literario de Vicente Risco e asistiu aos seus parladoiros con asiduidade. Formouse en maxisterio e exerceu como docente durante dous anos en San Mamede de Urrós (Allariz), onde desenvolveu o seu grande interese pola vida do campo e onde xermolaron as características da súa obra. En 1935 regresou a Ourense e tras o estalido da Guerra Civil Española (1936), incorporouse ao exército ata 1942. Ao ano seguinte foi expulsado do corpo de mestres por razóns políticas, polo que desde entón se dedicou en exclusividade á pintura. Partiu dun realismo íntimo de corte popular, para definirse posteriormente como un expresionista de técnica empastada. Interesouse pola obra de Rembrandt e Cézanne, que lle resultou sorprendente pola súa visión da natureza. Tras os seus primeiros traballos en acuarela e debuxo (Desnudo, Maternidad), desenvolveu unha obra caracterizada pola diversidade temática. A comezos da década de 1970, resultou elixido para a realización dos murais da Estación Marítima de Vigo, fortemente eloxiados pola crítica. Comezou entón a etapa de madurez pitórica. Tratou a paisaxe (Paisaje rural, 1960; Los troncos, 1980-1985); o retrato (Ernesto Gómez del Valle, 1947; Juan Saco, 1964); as representacións infantís (Pastoral, 1963); os bodegóns e as naturezas mortas caracterizadas polo barroquismo (Sardinas; El pan, 1979; Cesto de limones, 1982); as maternidades, en que intensificou o valor da figura feminina como portadora de sentimentos de humanidade e tenrura; escenas de mar (Las barcas, 1970; La playa, 1983); os nus (Bañistas, 1949); os vellos (Vieja caminante con un saco, 1971; Mendiga, 1981), asociados na maioría dos casos á marxinación social e á soidade, nunha mestura de drama e expresionismo; e as escenas relixiosas (Navidad en la montaña, 1962). O tempo foi un dos grandes protagonistas da súa obra, pois interesoulle especialmente captar o suceso, a emoción, un preciso instante do cotiá. Da década de 1980 destaca a súa serie de Lavanderas. Foi membro correspondente da Real Academia Galega.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso