prensa

prensa

(< cat premsa)

    1. s f [TECNOL]

      Máquina constituída basicamente por dous elementos planos ou cilíndricos, xeralmente un fixo e outro móbil, dispostos de tal maneira que por activación mecánica, hidráulica ou pneumática poden xuntarse entre elas e apertar unha cousa para suxeitala, esmagala, espremela, estampala, imprimila, etc. As prensas poden actuar sobre diversas materias en frío ou en quente e en calquera operación que precise presión. Poden clasificarse segundo o número de pares de elementos activos (prensas de efecto simple, de dobre efecto, ou de triplo efecto), segundo a maneira de ser aplicada a enerxía ao elemento móbil (prensa excéntrica ou de excéntricas múltiples, de panca, de caracol, de engrenaxes, etc), segundo a operación que efectúen (prensas de moldeado, de acuñado de curvas, de perforación, etc), segundo a activación (prensas mecánicas, hidráulicas e pneumáticas), segundo a posición no espazo das guías do elemento móbil (prensas verticais, horizontais e inclinadas) e segundo o axente motor (prensas manuais, de motor e gravidade).

    2. [GRÁF]

      Máquina usada para imprimir.

      Sinónimos: prelo.
  1. [COMUN]
    1. s f

      Conxunto de publicacións impresas, de carácter informativo, especialmente os diarios e outros periódicos. A prensa é a máis xenuína expresión da necesidade social de información que desenvolve como misión propia o periodismo. As correntes liberais do s XVIII e sobre todo do XIX, coa crecente aspiración á liberdade de pensamento e de expresión, orixinaron a prensa diaria de masas, preocupada pola información sobre os problemas político-sociais e pola orientación da opinión pública. O primeiro diario do mundo parece que foi o inglés Daily Courant, aparecido o 11 de marzo de 1702, mentres que o primeiro da Península Ibérica foi o Diari de Barcelona (1792); o periódico pioneiro en Galicia foi El Catón Compostelano (1800). A prensa diaria, desde o seu inicio, nos diversos países e segundo as vicisitudes das diversas épocas, puido estar ao servizo das tendencias políticas, recolleu e formou ao mesmo tempo a opinión do pobo e frecuentemente se enfrontou criticamente cos poderes estatais, que en moitos países non deixaron de intervila ou de aplicarlle censura. Pola súa transcendencia social e política, a prensa chegou a ser denominado o cuarto poder da época moderna, ao lado dos tres poderes clásicos. Ao longo do s XX xurdiron as asociacións de prensa que agruparon a todos os profesionais do sector e encargáronse da publicación da Hoja del Lunes. A complexidade económica da vida moderna motivou a formación de empresas periodísticas editoras de diarios e unha nova iniciativa periodística: a axencia de prensa.

    2. s f

      Conxunto de persoas que se dedican ao xornalismo.

    3. prensa clandestina

      Publicacións editadas á marxe da legalidade vixente, normalmente en épocas de anormalidade democrática. Modernamente, hai antecedentes de prensa cladestina no ano 1917, durante a ditadura de Primo de Rivera e ao lado dos feitos do 6 de outubro de 1934. Inmediatamente, a Guerra Civil Española e, sobre todo, os feitos de maio de 1937, forzaron a súa reaparición. Coa vitoria franquista, a prensa clandestina abarcou todos os campos -relixioso, literario, artístico, informativo, político, sindical, social e de opinión-, e floreceu sobre todo a partir da década de 1960 e 1970. Desde a fin do franquismo e o regreso da democracia, apareceron moi poucas publicacións clandestinas, limitadas principalmente ao movemento independentista máis radical.

    4. prensa obreira

      Prensa que recolle as principais reivindicacións e informacións referidas aos traballadores. No período comprendido entre 1860 e 1936, saíron á luz en Galicia ao redor de 130 periódicos vinculados ao societarismo proletario de carácter socialista, libertario, comunista, sindicalista, republicano federal ou simplemente obreirista. Foi unha prensa que participou dunha serie de trazos comúns coa elaborada noutros países de Europa e América: seriedade, dureza, combatividade, economía de medios, predominio da doutrina verbo da noticia, interese pola divulgación cultural, etc. A función para a que foi concibida, a loita social, determinou tamén a súa fraxilidade diante das persecucións; de feito, tan só oito periódicos (Solidaridad Obrera, La Voz del Obrero e El Corsario, entre os libertarios; Solidaridad, El Obrero, Trabajo, La Hora e Renovación, entre os socialistas) superaron o lustro. As tiraxes tamén foron pequenas, ao redor dos 1.000 ou 2.000 exemplares, dada a precariedade económica e numérica do proletariado ao que ían dirixidos, e ao forte analfabetismo das clases populares; a mellora das condicións culturais e de vida no período republicano favoreceu, non obstante, o aumento das tiraxes. Neste sentido, destaca o voceiro da CRG Solidaridad Obrera, que chegou aos 8.000 exemplares semanais en 1933, moi lonxe, aínda así, dos 15.000 periódicos diarios que dicía imprentar La Voz de Galicia naquel tempo. Foi unha prensa urbana, editada maiormente nas cidades da beiramar e no resto das capitais de provincia, acorde coa influencia da organización obreira (A Coruña, Ferrol, Vigo e Pontevedra, teñen, por esta orde, o maior número de cabeceiras); nas vilas apareceu en moita menor medida, xa que o caciquismo imperante atafegou as diversas tentativas. Por último, houbo unha lixeira vantaxe ao longo do tempo no número de voceiros socialistas verbo dos libertarios, aínda que destacaron estes últimos pola súa importancia no ámbito galego e mesmo no Estado español.

  2. prensa de Herófilo [ANAT]

    Cavidade formada pola confluencia dos seos venosos da duramáter.