prerromanticismo

prerromanticismo

(

s m [ARTE/LIT]

Corrente ideolóxica, artística e literaria que apareceu en Europa durante a segunda metade do s XVIII e na que agromaron as ideas que levaron ao romanticismo. Caracterizouse pola volta ás orixes, sexa aos clásicos, aos nórdicos ou á natureza, e ao sentimento, fronte ás academias e aos racionalismos. Das orixes clásicas grecorromanas partiron os principios da burguesía ascendente; as orixes nórdicas expresáronse na plástica pola volta á arte gótica; e a natureza expresouse plasticamente coa pintura de paisaxes e a moda dos xardíns de estilo inglés. No ámbito literario déronse ademais as características de revolta, desesperación e melancolía, dentro dunhas tendencias formais que se aproximaban a posturas clásicas. Estas actitudes manifestáronse, en Inglaterra e Escocia, na obra de J. Thomson, Young, Richardson, nos pretendidos poemas de Ossián, publicados por Mcpherson, e nos poemas de Th. Gray, W. Collibs, W. Blake e R. Burns. Nos países xermánicos, baixo o influxo dos ingleses, de Diderot e de Mercier, contou con figuras destacadas, como Brocker, E. von Kleist, Lessing e Bodmer, e homes renovadores, como Klopstock, Herder, Goethe e Schiller (moitos agrupados no movemento de Sturm und Drang). En Francia destacaron Rousseau, Diderot, Bernardin de Saint-Pierre e Senancour. No campo da música hai elementos prerrománticos en Haydn, Mozart, as primeiras obras de Beethoven, Cherubini, Cimarosa e Rossini, entre outros.

Palabras veciñas

prerrogativa | prerrománico -ca | prerromano -na | prerromanticismo | prerromántico -ca | presa | présa