préstamo
(
-
s
m
Acción de prestar.
-
s
m
-
Cousa que se presta para ser devolta.
Ex: empréstito, praestimonio (cult).
-
[ECON]
Contrato polo que unha persoa ou entidade recibe doutra unha cantidade determinada de cartos, para ser devoltos nuns termos e nunhas condicións preestablecidas, xunto cuns xuros determinados e garantías determinadas. As formas máis correntes para a devolución do nominal e o pagamento dos xuros por parte do prestameiro son dúas. Na primeira, o nominal devólvese todo dunha vez á fin do termo estipulado no contrato; os xuros poden pagarse ao final ou ben en diversas veces ao longo da duración do termo, e os xuros poden ser simples ou máis correntemente compostos (capitalizados). Na segunda, o nominal devólvese por fraccións que se pagan en intervalos determinados de tempo; xunto cos xuros acreditados entre un vencemento e o outro. A modalidade máis estendida é a da cota constante, en que as fraccións de capital para devolver en cada vencemento son crecentes e calcúlanse de tal xeito que sumadas aos xuros (que a cada período son máis pequenos) dean sempre a mesma cantidade.
Confrontacións: empréstito.
-
-
s
m
[LING]
Elemento lingüístico doutro idioma totalmente integrado no propio, de xeito que se incorpora ao sistema e xa non se percibe como alleo. Segundo o seu campo de acción, este pode ser fonético, morfolóxico, sintáctico ou léxico. Con todo, o máis frecuente nas linguas é o préstamo léxico, por medio da adopción dunha palabra foránea que se adapta á fonética e á estrutura morfolóxica da lingua que a recibe. Segundo a vía de entrada dos préstamos na lingua receptora, distínguense: a) Préstamos directos : aqueles que chegan a unha lingua por contacto directo con outra, como son os casos dos galicismos e provenzalismos durante o período trobadoresco ou, máis tarde, con palabras procedentes do castelán. b) Préstamos indirectos : aqueles que chegan a unha lingua a través dunha terceira, que actúa como intermediaria (por exemplo, xade, que pasou ao galego a través do francés (e)jade, procedente do castelán [piedra de la] ijada). No caso do galego a maioría chegou a través do castelán debido ás súas condicións sociolingüísticas. c) Préstamos retornados ou restituídos : aqueles que, despois de ser exportados a outras linguas, retornan á súa vez modificados fonética e semanticamente (antigo feitiço > fr fetiche > gal fetiche). d) Préstamos múltiples : aqueles que percorren diversos idiomas ata chegar a unha lingua determinada (persa sagal > turco cakal > fr chacal > gal chacal; sueco eiderdown > fr édredon > gal edredón). Dada a diversidade e complexidade de fontes, pódense distinguir, segundo a súa procedencia, os seguintes tipos de préstamos: a) Préstamos clásicos : aqueles que proceden do latín ou do grego clásicos. O latín literario, como modelo lingüístico culto e escrito, influíu ao longo de toda a historia do idioma como fonte continua de novos vocábulos que enriqueceron o léxico galego. Ademais foi o transmisor de numerosos vocábulos gregos, moitos deles formas semicultas (ANGĔLU > anxo, CANŌNĬCU > cóengo, DIABŎLU > diab(r)o, ECCLĒSĬA > igrexa, ĔPĬSCŎPU > bispo). Tanto o latín coma o grego, independentemente da época histórica, foron sempre referencia xeradora de novo vocabulario no galego (discípulo, escola, evanxelista, profeta, patriarca) e, sobre todo o latín, de creación de neoloxismos técnicos e científicos (clitelo, edeago). Estes cultismos clásicos caracterízanse por manter no fundamental a forma orixinal, con pequenas adaptacións que afectan á fonética e á coherencia morfolóxica, que os integran no sistema lingüístico do galego (referendo, lapso, escintilar, artrite, cistite, crise, parálise, hepatite, histoloxía). Outras incorporacións máis recentes constitúen latinismos absolutos (corpus, virus, álbum, médium). b) Préstamos interiores : aqueles que se incorporan ao galego común procedentes do galego medieval ou do portugués, recurso fundamental para o enriquecemento do léxico culto, especialmente no referido aos ámbitos científico e técnico. Ambos os dous son fonte importante de achegas lexicais no proceso de normalización e modernización lingüística do galego, en relación de equilibrio co préstamo externo e co clásico. c) Préstamos exteriores : aqueles que proceden de calquera lingua allea ao sistema lingüístico do galego (linguas románicas e xermánicas fundamentalmente), exceptuando o latín e grego clásicos, e o portugués. Da contribución léxica das distintas linguas cómpre destacar o papel do castelán, do francés e do italiano que, pola súa importancia político-cultural, son as linguas románicas que máis enriqueceron o léxico galego.
Refráns
- A amiga e a espada, primeiro dada que emprestada.
- A besta e a muller, que a preste quen quixer.
- Alá vaias emprestado, de onde veñas melIorado.
- Do amigo que non che empreste, fuxe coma da peste.
- Gran emprestado tarde ou nunca volve ao celeiro.
- Home que empresta sen interese, nunca rico é.
- O moito presumir ou dá que chorar ou dá que rir.
- O que empresta, axuda a vivir.
- O que empresta, perde o amigo.
- O que non ten capa en xaneiro non lle emprestes diñeiro.
- O que se pilla emprestado, ben collido e mal pagado.
- Quen empresta a un amigo fai un inimigo.
- Quen me empresta, algo me gobema.
- Quen pide emprestado, unhas veces ponse amarelo e outras colorado.
- Xa morreu o emprestar, que o matou o mal pagar.