proxección

proxección

(< lat proiectĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de proxectar.

  2. [XEOG]
    1. s f

      Acción e resultado de representar unha rexión da superficie terrestre sobre un plano. En esencia, consiste en especificar un método para facer corresponder os puntos do globo terráqueo cos puntos do plano escollido, que é necesariamente o resultado do desenvolvemento dunha superficie desenvolvible. A correspondencia entre os puntos do globo e os puntos da superficie desenvolvible pode facerse de diversas maneiras, pero prodúcense inevitablemente algunhas das seguintes alteracións: deformación da escala (a escala non é a mesma en todos os puntos do mapa), deformación da área (áreas iguais no globo non determinan áreas iguais no mapa) e deformación da forma (a zona proxectada non ten a mesma forma ca a zona orixinaria). A elección dun tipo de proxección faise co obxectivo de minimizar algunha das deformacións para satisfacer os obxectivos concretos do mapa que se quere realizar. Así, cando o mapa teña que ser ilustrativo, convirá que conserve a forma, pero cando teña que amosar propiedades estatísticas ligadas á distribución superficial, terá que conservar a área. Pódense clasificar as proxeccións de acordo con diferentes criterios, como o que ten en conta o que se conserva ou que altera a proxección. Así, unha proxección é conforme cando conserva a forma; é equivalente cando conserva a área; e finalmente, é afiláctica cando non é nin conforme nin equivalente. Distínguense, ás veces, proxeccións que teñen outras propiedades de conservación: unha proxección é xeodésica cando conserva as xeodésicas, é dicir, cando transforma as xeodésicas da esfera, que son os seus círculos máximos, en xeodésicas do plano, que son as súas liñas rectas; é equidistante cando a relación entre unha lonxitude medida sobre o globo e a correspondente lonxitude no mapa é constante en todas as direccións. Outro criterio de clasificación ten en conta cal é a superficie sobre a que se proxecta o globo. Así, a proxección é cenital ou plana se a superficie é un plano; cónica se é un cono; e cilíndrica se é un cilindro.

    2. proxección acimutal

      Proxección obtida a partir da cónica simple ao facer tender o cono nun plano, en que se sitúa unha rede de meridianos e paralelos equidistantes. É especialmente útil na navegación aérea.

    3. proxección conforme de Gauss

      Proxección transversal de Mercator en que os meridianos de tanxencia son o de Greenwich e o situado a 180°.

    4. proxección cónica múltiple/policónica

      Proxección en que se divide un hemisferio en bandas determinadas lonxitudinalmente de lado a lado duns paralelos en concreto, que se empregan como paralelos de referencia de ambas proxeccións cónicas simples. Utilízase para realizar mapas nacionais a grande escala ou follas topográficas.

    5. proxección cónica secante/de Albers

      Tipo de proxección cónica en que se proxecta un hemisferio sobre un cono secante no globo por dous paralelos, denominados paralelos de referencia. Se se escollen axeitadamente, conséguese que a proxección sexa equivalente.

    6. proxección cónica simple/equivalente de Lambert

      Tipo de proxección cónica en que se proxecta un hemisferio sobre un cono, tanxente ao globo terráqueo, por un paralelo que se denomina paralelo de referencia.

    7. proxección de Lambert/conforme de Lambert

      Proxección cónica conforme en que a superficie da Terra se proxecta sobre unha icona tanxente ao longo dun paralelo.

    8. proxección de Mercator

      Proxección cilíndrica conforme, que proxecta a superficie da Terra sobre un cilindro tanxente ao Ecuador. Emprégase para a realización de cartas náuticas.

    9. proxección estereográfica

      Proxección en que o punto desde o que se proxecta é o centro do globo e a antípoda do punto de tanxencia do plano en que se fai a proxección. Emprégase para usos militares, para navegación aérea e en meteoroloxía.

    10. proxección gnomónica

      Proxección en que o punto desde o que se proxecta é o centro do globo. Emprégase en navegación aérea.

    11. proxección Mollweide

      Proxección equivalente onde o Ecuador ten dobre lonxitude ca o meridiano central e está dividido en tramos iguais pola rede de meridianos. Os meridianos transfórmanse en elipses e os paralelos en liñas rectas paralelas ao Ecuador. Esta proxección emprégase na representación de planisferios.

    12. proxección oblicua

      Tipo de proxección que se efectúa mantendo o eixe do globo oblicuo respecto do plano de proxección.

    13. proxección ortográfica

      Proxección en que o punto desde o que se proxecta a superficie terrestre é un punto situado a unha distancia infinita na dirección perpendicular ao plano tanxente. Emprégase para darlle efecto tridimensional aos mapas.

    14. proxección policéntrica/poliédrica

      Proxección en que cada cuadrilátero do globo se proxecta sobre un plano tanxente no seu punto central. Emprégase en mapas topográficos.

    15. proxección transversal de Mercator

      Tipo de proxección, obtida coa mesma transformación de coordinadas ca a de Mercator, pero na que o cilindro sobre o que se proxecta é tanxente ao globo por dous meridianos opostos, que forman o denominado meridiano central da proxección.

    16. proxección Universal Transversal de Mercator/

      Proxección cilíndrica transversa conforme tanxente ao elipsoide ao longo dun meridiano elixido como orixe. Deseñouse para dar solucións ás deformacións lineais que se producen coas proxeccións Mercator e Lambert. Emprégase na cartografía moderna, especialmente con fins militares.

  3. [MAT]
    1. s f

      Sistema de representación empregado para obter sobre un plano a imaxe dos obxectos, de maneira que a cada punto da imaxe representada, denominada tamén proxección, corresponda un punto do obxecto. Os seus principais elementos son o obxecto, os raios proxectantes, o plano de proxección e a proxección do obxecto. Segundo as relacións que garden entre eles estes elementos, orixínanse os diversos sistemas de proxección.

    2. proxección axonométrica cilíndrica ortogonal

      Proxección en que os planos de proxección se forman por un triedro trirrectángulo e o plano do cadro por un triángulo que ten os seus vértices en cada un dos eixes do triedro.

    3. proxección cabaleira cilíndrica oblicua

      Proxección en que os planos de proxección se forman por un triedro trirrectángulo e o plano do cadro é paralelo a un dos do triedro.

    4. proxección cilíndrica oblicua

      Proxección que utiliza raios paralelos entre eles e oblicuos no plano de proxección.

    5. proxección cilíndrica ortogonal

      Proxección en que os raios proxectantes son paralelos entre eles e perpendiculares ao plano de proxección.

    6. proxección cónica

      Cónica cun plano de proxección.

    7. proxección cónica

      Proxección en que os raios proxectantes teñen un punto común.

    8. proxección diédrica cilíndrica ortogonal

      Proxección que utiliza dous planos de proxección, o vertical e o horizontal. Emprégase en enxeñaría, arquitectura, mecánica e deseño.

    9. proxección cotada

      Sistema de proxección que só emprega como plano de proxección o horizontal e substitúe o vertical por un número, que indica a distancia do punto ao plano. Este número vai escrito no lado da proxección horizontal nunha unidade determinada. O plano de proxección recibe o nome de plano de comparación e os números escritos con cada proxección denomínanse cotas.

    10. proxección cotada cilíndrica ortogonal

      Proxección que só utiliza o plano horizontal e anota en cifras o valor das alturas. Emprégase en topografía.

    11. proxección gnomónica

      Sistema de proxección limitado, que só serve para representar os elementos dunha radiación, é dicir, o conxunto de rectas e planos que pasan por un punto, chamado vértice da proxección, que ten como elementos fundamentais o plano de proxección ou plano de cadro e o vértice exterior a el.

    12. proxección ortogonal

      Proxección de liñas proxectantes perpendiculares ao plano de proxección.

  4. s f [PSIC]
    1. Proceso mental mediante o que un complexo se representa de forma distinta, de maneira que se lle atribúe a outro as ideas ou os sentimentos propios.

    2. Obxecto representado no proceso de proxección.

  5. proxección demográfica [DEMOG]

    Cálculo probabilístico do futuro dunha poboación ou de parte dela, segundo unhas hipóteses. Para saber cal será o volume e a estrutura por idades e sexos dunha poboación futura, hai que coñecer a fondo a poboación do momento, por xeracións e sexos, e establecer unhas hipóteses referentes ao comportamento.

  6. proxección estereográfica [XEOL]

    Método para representar en dúas dimensións a posición dun plano ou dunha liña que se sitúa en tres. Emprégase en cristalografía para representar as caras dun cristal, e en tectónica para proxectar os planos de estratificación, os de esquistosidade e os eixes dos dobramentos.

Palabras veciñas

provocante | provocar | provocativo -va | proxección | proxectante | proxectar | proxectil