proxectil

proxectil

(< lat proiectu, supino deproiicĕre ‘lanzar’)

  1. s m

    Corpo lanzado pola impulsión dunha forza e que continúa en movemento pola súa propia inercia.

  2. s m [BÉL]

    Nome xenérico de calquera corpo lanzado por unha arma, especialmente de fogo, ou por un avión, contra un obxectivo. Adoita denominarse bala (se se lanzan con armas de fogo portátiles), bomba (se se lanzan desde un avión) e granada (se se lanzan por canóns, morteiros ou obuses; neste caso o proxectil tamén se denomina obús). Os primeiros proxectís empregados polo home foron pedras ou frechas, ata que no s XV substituíronse, en artillaría, as balas de pedra polas de ferro; no século seguinte apareceron os proxectís baleiros, é dicir, non macizos e cheos de pólvora ou de metralla. Modernamente adoitan ser cilíndricos e coa punta oxival. Os máis característicos da guerra moderna son os autopropulsados ou mísiles, e os nucleares, que van armados cunha carga deste tipo.

  3. proxectil autopropulsado [BÉL]

    Enxeño de guerra autopropulsado que contén unha determinada carga explosiva ou outro axente destrutor. Son deste tipo os foguetes, os mísiles e os torpedos, e poden ser predirixidos, teledirixidos e autodirixidos, segundo se o seu percorrido se fixa previamente, seguindo instrucións a distancia ou corrixindo a traxectoria eles mesmos.

Palabras veciñas

proxección | proxectante | proxectar | proxectil | proxectismo | proxectista | proxectividade