psicopedagoxía
(
Posición científica multidisciplinar construída sobre o diálogo entre diferentes saberes co fin de fundar cientificamente a intervención pedagóxica desde unha fundamentación substancialmente psicolóxica, que toma da psicoloxía infantil e da psicoloxía cognitiva as contribucións fundamentais. A psicoloxía comezou a ser considerada pola pedagoxía sobre todo no momento en que Binet e Simon, no inicio do s XX, construíron e utilizaron a escala psicométrica da intelixencia para a detección no ensino ordinario dos alumnos intelectualmente inadaptados. O desenvolvemento do método dos tests e das probas psicotécnicas demostrouse pronto como unha achega esencialmente aritmética e mecanicista das dificultades escolares e das problemáticas do desenvolvemento infantil. Unha paulatina visión máis ampla e multifactorial, as achegas da psicoloxía xenética piagetiana, o desenvolvemento da psicoloxía cognitiva (Vigockij, Wallon, Ausubel, Bruner e outros), as contribucións da psicanálise (Anna Freud, Vera Schmith e outros), as achegas da socioloxía escolar cos seus estudos sobre as condicións de influencia dos medios sociais e dos propios contextos escolares, as achegas sobre os modelos didácticos e os estudos sobre o currículo, ademais das perspectivas abertas pola antropoloxía social, levaron a esa posición científica multidisciplinar, que conduciu a inserir este espazo da psicopedagoxía no marco das ciencias da educación. En ocasións, tamén se fala imperfectamente da psicoloxía pedagóxica, como ámbito que se ocupa da transferencia das achegas científicas psicolóxicas aos campos de acción pedagóxicos.