Puebla

Puebla

Capital do estado de Puebla, México (1.346.916 h [2000]). Situada nun gran val preto da vertente oriental do sistema Tarasco Nahua, ao pé do Iztaccíhuatl e o Popocatépetl, é un dos centros económicos do país. Destacan as industrias téxtiles, alimentarias, de material de construción e de xoiaría. Fundada por Julián Garcés (1531), ao ano seguinte, recibiu o nome de Puebla de los Ángeles e en 1786 estableceuse alí unha intendencia. En 1821 foi ocupada polos independentistas e en 1847 polos norteamericanos. Núcleo de oposición á intervención francesa, foi defendida polo xeneral Zaragoza (1862) e os franceses foron expulsados por Porfirio Díaz (1867). Do seu patrimonio cultural destacan a catedral, comezada en 1575 e deseñada por Francisco Becerra, e as igrexas barrocas dos ss XVII e XVIII, con fachadas a pedra traballada que alternan con mosaicos polícromos. O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1987).