Pueblo, El
Pueblo, El
Semanario de carácter anticaciquil, editado en Betanzos entre agosto de 1900 e xuño de 1902 (nº 82). Nunha primeira etapa foi dirixido por Xosé Bartolomé Vidal e Xoán Gómez Navaza e contou co apoio de todas as correntes políticas contrarias ao caciquismo liberal dominante na política municipal. A partir de agosto de 1901 radicalizou as súas posicións, apoiando a candidatura do PSOE nas eleccións municipais e servindo de voceiro oficioso da Asociación de Obreros Agricultores de Betanzos. Neste derradeiro período, estivo baixo a dirección do dirixente agrario Bernardo Miño Abelenda. Incluíu o folletín O catecismo da Doutrina Labrega, de Marcos da Portela. Desapareceu debido ao influxo da censura gobernativa.