Pulido Nóvoa, Antón
Pintor e gravador. Iniciou a súa traxectoria profesional como profesor, combinando o tempo dedicado ás aulas coa súa faceta artística. Destes primeiros anos destacan as súas representacións de escenas rurais (Home do campo, 1967; Vellas, 1969), as paisaxes (serie Montes de Casayo, 1970) ou os retratos (Ramón Otero Pedrayo, 1973). A súa vocación artística desembocou no traslado a Barcelona, onde se especializou en pintura e gravado na Facultat de Belles Arts de Sant Jordi e onde se afanou por abrirse camiño cara á arte internacional. De estilo expresionista, na súa pintura destaca o debuxo esquemático, o emprego da pincelada ancha e firme, e a multiplicidade cromática, violenta e chea de contrastes, a través da que se definiron os diferentes espazos dos seus cadros (O Berbés, 1986-1987; Camiño vermello, 1988).
O protagonista das súas obras foi o home (O avó, 1987), representado na súa soidade (Home, 1988), no traballo ou na intimidade (A sesta, 1988), partindo dun realismo que o colocaba en situacións límites (Abismo, 1990-1992), para evolucionar cara a unha abstracción que se achegou ao informalismo. Xunto a este, tratou outros temas, como maternidades e naturezas mortas. Como influencias, destacou o monocromatismo e a recorrencia á simbólica ventá harmonizadora de espazos interiores e exteriores (series Lúa, 1991), ou os grosos perfís que empregou para delimitar o contorno de obxectos (Mesa vermella, 1992; Noite azul, 1992) e personaxes (Aspasia, 1991; Sono, 1991; Nu azul, 1992).
Na década de 1990 pintou atmosferas densas e abstractas (Noite, 1992; serie Camiño, 1994), en que empregou un grafismo oriental, herdanza de Tàpies e das que se extrae algunha reminiscencia a Pollock, no referido aos goteos. Influído pola súa formación en humanidades, filosofía e especialmente en música, a xestualidade e o ritmo marcaron as súas pinturas, expresión de sensacións e sentimentos, onde as improvisacións conviviron co narrativo. Editou as carpetas de gravados O home (1978), O abrazo (1979) e A espera (1981), e deseñou diversas portadas de libros.
Foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, primeiro director do CGAC (1993-1994). Foi tamén asesor da Enciclopedia Galega Universal (EGU) e director da colección Artistas Galegos de Nova Galicia Edicións. En 2008 nomeárono fillo predilecto de Amoeiro e en 2015 recibiu o Premio Trasalba.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Bóveda de Amoeiro, Amoeiro