púrpura

púrpura

(< lat purpŭra)

  1. [QUÍM]
    1. s f

      Materia colorante vermella que antigamente se extraía da cuncha da púrpura. Utilizada xa polos fenicios, coñécese tamén como púrpura de Tiro.

    2. púrpura de anilina

      Colorante sintético, considerado o máis antigo de interese comercial. Foi obtido por W. H. Perkin en 1856 a partir dunha mestura de compostos orixinada pola oxidación con dicromado potásico de anilina impurificada por o-toluidina. O seu interese é puramente histórico.

    3. púrpura de Casio

      Materia colorante formada por unha mestura de ouro coloidal e óxido de estaño (II) en proporcións variables. Preséntase en forma de pos marróns insolubles en auga e solubles en amoníaco. Obtense por reacción de solucións de cloruros de estaño (II) e (IV), e emprégase na decoración de porcelanas e esmaltes e na manufactura de vidro de cor vermella.

  2. adx e s m

    Cor vermella escura tirando a morada.

  3. s f [ANIMAL]

    Molusco gasterópodo mariño, da familia dos murícidos, que pertence aos xéneros Murex e Purpura. Presenta cuncha grosa e oval de cor vermella, cun escote na abertura, carece de opérculo e segrega unha tinta de cor amarela que co aire vólvese vermella.

  4. s f
    1. [HIST]

      Banda purpúrea que os romanos superpoñían á túnica e que indicaba a pertenza á orde senatorial, latus clavus, ou, en forma máis estreita, á orde ecuestre, angustus clavus.

    2. [HIST/RELIX]

      estido de cor púrpura que era prerrogativa dos emperadores bizantinos e dos cardeais.

    3. Cargo ou dignidade no que o púrpura é o símbolo, especialmente dos cardeais.

  5. s f [PAT]
    1. Conxunto de manchas hemorráxicas cutáneas que se producen espontaneamente e que se caracterizan por que non se borran pola presión exercida sobre a pel.

    2. Enfermidade que se manifesta por unha erupción espontánea de manchas hemorráxicas na pel cun signo predominante, que se debe a trastornos da fase vascular ou plaquetaria da coagulación.

  6. s m [HERÁLD]

    Cor púrpura, considerado un esmalte neutro, que se representa por un raiado inclinado que vai da esquina esquerda da cabeceira á dereita da punta.

Palabras veciñas

Purkyně, Karel | puro -ra | purosangue | púrpura | purpurado | purpúreo -a | purpúrico -ca