patrón, patroa

patrón, patroa

(

  1. s
    1. Santo ou advocación mariana baixo a protección dos cales se somete unha igrexa, un lugar ou unha colectividade.

    2. Defensor ou protector de alguén.

    3. Persoa que posúe o dereito de padroado.

  2. s
    1. Persoa que ten unha casa de hóspedes.

    2. Persoa que goberna unha casa.

      Ex: Na súa casa a patroa é a avoa.

  3. s

    Persoa propietaria ou contratista para a que traballan obreiros baixo as súas ordes.

    1. s

      Persoa que manda e dirixe unha embarcación de pesca.

    2. patrón de costa

      Persoa que dirixe as tarefas de navegación nun pesqueiro.

    3. patrón maior

      Persoa que dirixe as tarefas de pesca nun pesqueiro.

  4. s m [HIST]
    1. Persoa de distinción que na antiga Roma tiña baixo a súa protección a outros homes, libres, que eran os seus clientes.

    2. Último señor dun escravo emancipado, que conservaba algúns dereitos respecto a el.

  5. s m
    1. Modelo, xeralmente de papel, a partir do que se fan elementos semellantes.

      Ex: A revista traía o patrón dunha camisa.

      Sinónimos: padrón.
    2. Cartón ou prancha, que ten o debuxo que se quere pintar recortado ou picado.

  6. s m
    1. Magnitude que se toma como tipo para definir unha unidade. Mediante patróns quedaron fixadas modernamente as diferentes unidades básicas dos sistemas de medidas. Os patróns son definitivos en función de certas propiedades físicas de corpos sometidos a unhas condicións perfectamente determinadas e reproducibles facilmente.

    2. [ECON]

      Mecanismo polo que os países efectúan o seus pagamentos internacionais e equilibran a balanza de pagamentos. Ata 1914, o sistema monetario internacional fundamentábase no patrón ouro. Este implicaba un sistema de tipos de cambio fixos onde as flutuacións do cambio se manteñen nunha marxe moi estreita. Cada país mantén as súas reservas en ouro, e a moeda nacional é convertible en ouro no Banco Central na paridade establecida por lei. O patrón ouro mantén a estabilidade do tipo de cambio, pero non mantén estable o poder adquisitivo da moeda nacional en termos de bens e servizos. O patrón ouro non se pode manter se os gobernos dan prioridade a outros obxectivos de política económica que non seguen a estabilidade do tipo de cambio polo que o patrón ouro foi abandonado durante a Primeira Guerra Mundial. Na inmediata posguerra restableceuse o patrón ouro, aínda que con certas restricións. Este novo intento de volver ao ouro atopouse con dúas dificultades. Por un lado, as existencias mundiais de ouro eran insuficientes; polo outro, os gobernos estaban máis interesados en conseguir uns niveis de actividade económica altos que en manter a estabilidade dos cambios. Para afrontar a escaseza de ouro, foi adoptado o patrón cambio-ouro. No patrón cambio-ouro, recomendado pola Conferencia de Xénova de 1922, determinados países adoptaron o patrón ouro, con convertibilidade en ouro das súas moedas a unha paridade fixa, e o resto de países relacionan as súas moedas co dólar e a libra e aceptan que a maior parte das súas reservas estean formadas por dólares e libras, que son as únicas divisas directamente convertibles en ouro. A depresión económica mundial de 1929 e as medidas restritivas empregadas en EE UU puxeron en evidencia as limitacións do novo patrón. Reino Unido abandonou o patrón ouro en 1931. A Conferencia de Bretton Woods (1944) puxo as premisas para evitar un novo afundimento dos pagamentos internacionais e o dólar converteuse na moeda clave do novo sistema. A posición hexemónica do dólar mantívose ata que os déficits constantes da balanza de pagamentos de EE UU se converteron en insostibles, cousa que levou á inconvertibilidade definitiva do dólar en ouro en agosto de 1971.

  7. s m

    Planta que serve de soporte á variedade enxertada. Na planta enxertada resultante, o portaenxertos achega o sistema radicular, pero a produción e a aparencia xeral é a da variedade enxertada.

    Sinónimos: portaenxertos.
  8. proteína patrón [ALIM]

    Proteína ou conxunto de proteínas do ovo completo de galiña, que se toma como referencia para determinar o valor nutritivo das outras proteínas.