Pedro, san
Apóstolo, fillo de Xonás. O seu nome é o sobrenome que Xesús lle deu a Simón, irmán do apóstolo santo André e pescador, que vivía en Cafarnaum cando o chamou. Ocupou o primeiro lugar no catálogo dos apóstolos e foi chamado príncipe dos apóstolos. Pertencía ao grupo de amigos íntimos de Xesús que foron testemuñas da súa transfiguración e da súa agonía en Xetsemaní. Tras confesar a mesianidade de Xesús en Cesarea de Filipo, recibiu a promesa “Ti es pedra, e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa”, sobre a que se adoita basear o primado. Sen comprender o sentido da paixón de Xesús, negouno e regresou aos seus traballos a Galilea. Despois da resurrección volveu a Xerusalén para reconstruír a comunidade dos discípulos, presidiu o grupo dos doce e confirmou no apostolado aos diversos predicadores. Debido á persecución de Herodes Agripa marchou e deixou a dirección da comunidade a Santiago o Menor. Volveu a Xerusalén con ocasión do Concilio de Xerusalén. Permitiu una división en Antioquía entre os cristiáns que proviñan do cristianismo e os que viñan do xudaísmo, feito que lle valeu a protesta de san Paulo. Probablemente visitou Corintio e durante a súa estancia en Roma sufriu martirio, segundo o testemuño de Clemente de Roma (90); e segundo a tradición recollida por Eusebio de Cesarea, foi crucificado baixo Nerón. A súa predicación quedou reflectida no Evanxeo de san Marcos. Levan o seu nome dúas epístolas. Como apóstolo viste túnica e manto e leva como atributos o libro ou un rolo de pergamiño (xerais dos apóstolos) e unha chave, por ser o porteiro do ceo; como papa viste de pontifical, con alba, capa e tiara papal de tres coroas, na man esquerda sostén o bordón de tres cruces e na dereita está en actitude de bendicir. A súa festividade celébrase o 29 de xuño, aniversario do seu martirio; o 1 de agosto celébrase o seu paso pola cadea (san Pedro ad vincula); e o 22 de febreiro celébrase a súa primacía (Cátedra de san Pedro).
Cronología
-
Deceso
Lugar : Roma