Primo de Rivera

Primo de Rivera

Familia de militares e políticos españois. José Primo de Rivera y Ortiz de Pinedo (Algeciras 1777-Sevilla 1853), foi ministro de Mariña, Comercio e Ultramar (1839) e de Facenda (1839), senador e capitán xeneral de Cádiz (1848-1849). O seu fillo Rafael Primo de Rivera y Sobremonte (Montevideo 1813-Cádiz 1902) foi gobernador militar de Huelva, comandante militar en Trinidad (Puerto Rico) e no castelo de La Cabaña (Cuba). Posteriormente ascendeu a capitán xeneral de Andalucía (1868-1869), València (1869) e Puerto Rico, así como conselleiro de estado (1870) e director xeral de Artillaría. O seu irmán Fernando Primo de Rivera y Sobremonte (Sevilla 1831-Madrid 1921), primeiro marqués de Estella, foi capitán xeneral de Castela a Nova (1880 e 1890-1893) e de Filipinas (1880-1883 e 1897-1898), capitán xeneral do exército, ministro da guerra (1907-1909 e 1917) e presidente do Consello de Guerra e Mariña (1920-1921). O seu sobriño Miguel Primo de Rivera y Orbaneja, segundo marqués de Estella, gobernou España ditatorialmente entre 1923 e 1930. Seus fillos foron José Antonio Primo de Rivera y Saénz de Heredia , fundador de Falange Española; Miguel Primo de Rivera y Saénz de Heredia (Madrid 1904-1964), ministro de Agricultura (1941-1945) e embaixador en Londres (1951-1958); e Pilar Primo de Rivera y Saénz de Heredia (Madrid 1907-1991) xefa da sección feminina de Falange Española, membro do Consejo Nacional del Movimiento e procuradora en Cortes.