Prisciliano
Heresiarca. Descoñécese o seu lugar de nacemento, probablemente en Lusitania ou en Gallaecia. Escribiu numerosas obras das que coñecemos o prólogo aos Canones in Pauli apostoli epistolas e os 90 Canones, tamén se lle atribúe, aínda que con dúbidas, os 11 Tractatus de Würzburg. Descoñecese cal foi a sua formación, que algúns conceden á muller nobre Ágape e ao retórico Elpidio. A súa doutrina baseouse no gnosticismo, o maniqueísmo, o arianismo, as prácticas máxicas e as crenzas astrolóxicas. Defendeu o ascetismo, o celibato, a renuncia aos bens mundanos, a abstención da carne e do alcohol, o afastamento da igrexa durante a Cuaresma e o Nadal, o estudo das Escrituras, incluíndo os textos apócrifos, a defensa da igualdade de sexos e estamentos sociais entre os crentes, o don de profecía sen mediación xerárquica e a existencia de graos entre os crentes segundo o coñecemento. Entre os seus seguidores contou con xente culta e de certo nivel económico, mulleres e algúns bispos como Instancio e Salviano. Foi denunciado por Hixinio, bispo de Córdoba, ante Hidacio, bispo de Mérida, quen promoveu o I Concilio de Zaragoza (378-380) onde foi condenado xunto cos seus partidarios, a pesares de non asistir ao concilio e da prohibición papal de condenar a quen non se puidese defender. Foi ordenado bispo de Ávila polos seus bispos prosélitos en 380. Probablemente en cumprimento do estipulado no I Concilio de Zaragoza, foi desterrado xunto cos seus bispos da Península Ibérica polo Emperador Graciano. Marchou a Italia co fin de defenderse das acusacións ante o Papa Dámaso e abolir o rescrito imperial. O seu paso por Aquitania foi ben recibido e fixo moitos prosélitos sobre todo en Eauze e Bordeos de onde o bispo Delfín, que asistira ao I Concilio de Zaragoza, o expulsou. O Papa Dámaso negouse a escoitalo, e tampouco encontrou o apoio do bispo Ambrosio de Milán, pero consiguiu de Macedonio a derrogación do rescrito imperial, o que lle permitiu regresar a Hispania en 382. Consiguiu do procónsul Volvencio a orden de detención de Itacio Claro, un dos bispos que o acusaban, que fuxiu á Galia. Pero o novo Emperador Máximo ordenou que fose conducido ao Concilio de Bordeos (384) onde se declarou ao bispo priscilianista Instancio indigno do episcopado. Prisciliano apelou ao emperador sendo conducido a Tréveris. O Emperador Máximo, a instigación dos bispos Magno e Rufo, torturouno, xulgouno e condenouno en Tréveris. Foi decapitado, xunto cos clerigos Felicísimo e Armenio, e os laicos Latroniano, Xuliano e Eucrocia, a pesar da vacilación de moitos persoeiros, a oposición de Ambrosio de Milán a que a causa fose vista ante a xurisdición civil, e a intercesión de Martiño de Tours que obtivera do emperador o compromiso, logo incumprido, de descartar todo método cruento. Os corpos dos executados foron trasladados a Hispania, inhumados con grandes honras fúnebres e venerados como mártires. Sobre o lugar da sua sepultura propuxéronse varias hipóteses: Santa Baia de Bóveda en Lugo; a ermida de San Mamede, no lugar chamado Os Martores, pertenecente a parroquia de San Miguel de Valga nas proximidades de Santiago de Compostela; e non falta quen propón a mesma catedral de Santiago de Compostela, abríndose así unha polémica sobre que restos se veneran na catedral. O seu influxo estendeuse a Gallia e a Hispania e particularmente a Gallaecia, ata o punto de que no século V os priscilianistas foron quen de expulsar da súa sé ao bispo Ceponio. A conversión dos suevos do arianismo ao catolicismo, xunto cos I e II Concilios de Braga (561 e 572) supuxeron o golpe definitivo ao priscilianismo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Hispania