Quito
Capital de Ecuador e da provincia de Pichincha (1.399.378 h [2001]). Está situada a 2.800 m de altitude, na aba L do volcán Pichincha, á beira do río Machangara. O crecemento da cidade quintuplicou a poboación ao longo do s XX, motivado en parte, pola construción do ferrocarril en Guayaquil, que tamén impulsou a industrialización. Fundada no s XV, foi a capital dun reino precolombino ata que a ocuparon os incas. En 1526 chegou a ser capital do imperio escindido fronte ao Reino de Cuzco (1534). Escenario das guerras civís peruanas, en 1556 converteuse en capital dunha gobernación e da audiencia desde 1563. Foi residencia da aristocracia terratenente colonial e no s XVII sufriu un forte descenso a causa das pestes. En 1809 a aristocracia local uniuse aos independentistas pero foi reconquistada polos españois en 1812, e non foi liberada ata 1822 por José de Sucre e incorporada á Gran Colombia. En 1830 a aristocracia de Quito formou o estado independente de Ecuador. A cidade foi a sede dos intereses agrarios e aristocráticos fronte á burguesía liberal de Guayaquil. Dos seus monumentos destaca a catedral, do s XVI, destruída no s XVIII por un terremoto e refeita posteriormente. A cidade foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1978).