Quintas Goyanes, Luís

Quintas Goyanes, Luís

Pintor, marqués de Almeiras. Discípulo de Castelao e do valenciano F. Martín Marqués, foi catedrático de Debuxo na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña. Director do Museo Provincial de Belas Artes da Coruña (1969-1986), destacou como retratista, aínda que tamén cultivou as paisaxes e as composicións, ademais da ilustración. Nas súas obras reproduciu unha natureza humanizada cunha técnica en que destacou a importancia do debuxo. A súa obra caracterizouse pola harmonía compositiva e colorista, pola naturalidade das súas representacións e polo abandono en parte das fórmulas clásicas para introducirse no impresionismo. Nos seus retratos intentou plasmar o ánimo dos personaxes máis alá dos seus trazos físicos. En 1925 presentou na Exposición Nacional de Bellas Artes El Berbés e Retrato de Álvaro Cebreiro. Realizou os retratos dos premiados no Día das Letras Galegas e os de Francisco Franco, Salvador Golpe (1969) e Xoán Carlos I, e pintou Plazuela de las Bárbaras (1941?) e Betanzos (1955). Foi membro da Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario e correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e da Real Academia Galega. Pertenceu ao padroado do Museo Pardo Bazán.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso

    Lugar : A Coruña