Quiroga, crismón de
Quiroga, crismón de
Peza da arte paleocristiá realizada en mármore e datada no s V. Localizouse en 1925 na igrexa de Santa María da Ermida (Quiroga). Representa o monograma de Xesús Cristo, rodeado dunha coroa circular composta dunha dobre liña de perlas, entre as que se sitúa unha banda cunha lenda gravada a bisel. Puido ser un aplique dunha fachada, xa que a parte posterior está sen labrar ou formar parte da mesa de ofrendas e colocarse sobre unha columna de mármore. O mármore con listado azul en que está realizada pode proceder das canteiras do Incio. Aparece deteriorado nalgunhas partes porque a xente do lugar, ben por fe ou ben por superstición, a raspaba co fin de obter uns pos ou areas que consideraban eficaces para curar certos males.