Rabuñal Corgo, Henrique Manuel
Escritor e profesor. É autor dos poemarios Paixom e morte dum condenado (1984), Poemas da luz e da loucura (1992) e O tempo demorado nos marmelos (2000). Como narrador publicou Epistolário em catro tempos (1985), As Weissleiver (1987), A fariña das horas (1998) e Ollos negros (2004). Como dramaturgo é autor de A noite das noites (1985, Premio de Teatro Breve da EDG, estreada en 1988), Maternidade (1992), Do goberno bipartito á autovía funeral (estreada en 1992), Amlet, voz e verbo (1999), Mumias no país de Luzetro (2000), Monólogo do fillo triste (2002), O vento da morte (2004) e O miradoiro (2005). Como ensaísta publicou edicións de O marinheiro de F. Pessoa (1985), do Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1989) e La primera luz (2000), e os libros Textos e contextos do teatro galego (1994), Rafael Dieste: a franqueza e o mistério (1995), A Coruña na historia (1999), Manuel Murguía (1999), Manuel Martínez Murguía (1999), Manuel Murguía e Arteixo (2000), Jenaro Marinhas del Valle, a vida escura (2000), O Padre Sarmiento (2002) e Palabra e patria (2005). Co profesor Gil Hernández estudou en 1989 O conceito de ‘diglossia’, segundo Ch. A. Ferguson e en 1991 escribiu o seu ensaio “Alexandre Bóveda: bandeira da nosa redención”. Colaborou nas publicacións da AGAL Prontuário ortográfico galego (1985), Guía prática de verbos (1989) e Estudo crítico (1989). En 1993 publicou con X. M. Fernández Costas os libros Luz Pozo Garza. Códice calixtino, X.L. Méndez Ferrín. Con pólvora e magnolias e Carlos Casares. Ilustrísima. No campo audiovisual é autor dos guións dos vídeos Renova Arteixo. Renova Galiza (1991), O Certame ‘Manuel Murguía’ (2002) e A Luz de Carlos (2002), en homenaxe a C. Casares. En 1999 traballou na curtametraxe de animación Ignotus (Premio AGAPI 2001) dirixida por T. Conde e V. Curia. Directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega e coordinador do Certame de Narrativa “Manuel Murguía”, é o editor dos libros Relatos (1995), Airadas de palabras (1998), Tecendo panos (2000), Paisaxes con palabras (2001) e De soños e memorias (2003).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pastoriza, Arteixo