Rácing de Ferrol
Club de fútbol fundado en Ferrol en 1919. Xoga os seus partidos como local no estadio da Malata, inaugurado en 1993, e viste camiseta verde e pantalón branco. A historia do club remóntase á únión dos equipos Jaime J e Giralda, que disputaron o seu primeiro encontro no campo da Graña o 17 de maio de 1917. En 1919, coa inauguración do campo de Caranza, disputou o seu primeiro partido como Rácing fronte ao Deportivo de La Coruña. O 20 de outubro dese mesmo ano afiliouse á Federación e ao ano seguinte conseguiu a súa denominación oficial. Inaugurou o campo do Inferniño en 1921 e conseguiu o seu primeiro ascenso á máxima categoría galega en 1923. Debutou na Terceira División da liga nacional na tempada 1929-1930 e posteriormente xogou na Segunda División. Dos títulos conquistados, destacan o campionato galego nas tempadas 1928-1929, 1937-1938 e 1938-1939, e o subcampionato da I Copa do Xeneralísimo (1939), e o Trofeo Teresa Herrera.