radioactividade
(< 1 radio- + actividade)
Fenómeno físico de certas substancias, que consiste na emisión espontánea de partículas (alfa, beta, neutróns), de radiacións (gamma, captura K) ou de ambas a un tempo, procedentes da desintegración de determinados núcleos que a forman por causa dun arranxo da súa estrutura interna. A radioactividade pode ser natural ou artificial. O conxunto dos núcleos radioactivos dunha mesma especie forman un radionúclido e teñen unha radioactividade ben definida común a todos eles. Defínese unha constante radioactiva ë como a probabilidade de desintegración dun núcleo por unidade de tempo. En realidade, unha substancia radioactiva dificilmente está formada por un só radionúclido, xa que ao desintegrarse cada un dos seus compoñentes transfórmase nun núcleo diferente, que tamén pode ser radioactivo. O radionúclido inicial denomínase pai, e o derivado fillo. Esta situación pode continuar ao longo de múltiples filiacións, e o seu conxunto recibe o nome de familia ou serie radioactiva. Alcánzase o equilibrio radioactivo (ou equilibrio secular nas series radioactivas naturais) cando pasa un tempo longo abondo desde que se inicia o proceso de filiación. A radioactividade foi descuberta en 1896 por Becquerel. As radiacións ionizantes (gamma, beta, raios X) empréganse para a conservación de alimentos.