Ramallosa, A

Ramallosa, A

Complexo intermareal coñecido como A Foz, situado na desembocadura do río Miñor ao S da ría de Vigo, entre os concellos de Nigrán e Baiona. As marismas están protexidas do mar mediante unha frecha litoral, a praia da Ladeira. O substrato rochoso está composto de xistos e granitos. Nas zonas centrais da marisma atópase o golfe, acompañado doutras algas verdes como a mantilla e outras do xénero Enteromorpha. As algas pardas presentes son a especie Ascophyllum nodosum e a corbela, que se localizan nos muros dos laterais do esteiro. Na fronte de colonización das areas finas e medias atópase a especie Salicornia ramosissima. Cando a duración da emersión das augas aumenta, outras plantas poden colonizar o substrato, como a especie Spartina maritima. No bordo da marisma, e en illotes elevados da zona intermareal, disponse a verdoaga marítima, mentres que nas zonas asolagadas só polas mareas vivas, e nas zonas de recheo artificial aparecen distintas especies do xénero Juncus. En canto á fauna destaca a londra común (Lutra lutra), o alavanco (Anas platyrhynchos), a garza (Ardea cinerea) e as especies Limosa lapponica e Sterna sandvicensis. Foi incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na proposta da Rede Natura 2000, en 2001.