Ramón Fernández-Oxea, Xosé
Mestre e escritor. Coñecido como Ben-Cho-Shey, foi un creador e investigador multidisciplinar que se ocupou tanto do estudo de temas históricos, sociolingüísticos, etnográficos e arqueolóxicos, como da creación literaria nos xéneros narrativos, lírico e dramático. O seu primeiro escrito foi o conto “Deliraba”, publicado co pseudónimo de Xan Fouciño en O Tío Marcos d’a Portela (1918). En 1921 foi chamado a filas e enviado á Guerra de África, onde se converteu en correspondente de La Zarpa, comezando a empregar o pseudónimo de Ben-Cho-Shey. Estes artigos recolleunos anos despois en Crónicas de Marruecos (1985). En 1923 obtivo o título de mestre nacional na Escuela Superior de Magisterio de Madrid e dous anos despois comezou a súa actividade como docente, primeiro en Cariño e logo en Santa Marta de Moreiras (O Pereiro de Aguiar), lugar no que realizou o estudo etnográfico Santa Marta de Moreiras: monografía dunha parroquia rural: 1925-1935 (1968). Ao longo da década de 1920 ampliou estudos de pedagoxía -en Francia e Bélxica pensionado polas deputacións galegas-, arte e arqueoloxía. En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos. En 1934 ingresou no corpo de inspectores de primeiro ensino, comezando o seu labor en Lugo. En 1936 converteuse no presidente do Partido Galeguista en Lugo e candidato a deputado nas eleccións de febreiro. Iniciada a Guerra Civil, foi suspendido de emprego e soldo durante tres meses pola súa militancia galeguista e en 1937 foi trasladado a Cáceres, onde realizou diversos estudos sobre a zona. En 1946 nomeárono académico correspondente da Real Academia Galega e dous anos despois publicou o seu primeiro artigo en galego en La Noche, onde tamén inseriu un artigo en defensa da lingua galega (1948). Instalado en Madrid, en 1951 pediu o traslado voluntario a Toledo e ese mesmo ano converteuse en representante da Editorial Galaxia en Madrid. Exerceu como inspector ata a súa xubilación en 1967. En Madrid participou e organizou cursos, conferencias e diversos actos culturais e foi directivo do Centro Galego. Relacionado co grupo Brais Pinto, recolleu e simbolizou o espírito da xeración do Seminario de Estudos Galegos. Da súa obra destacan os poemarios Berzas (1953), con trazos rosalianos; e A ducia do frade (1966), de carácter intimista e relixioso; e no apartado narrativo e ensaístico Andrómenas (1954), O Barallete (1969), Catón Galego (1969), Escudos de Noya (1972), con M. Fabeiro Gómez; Contos do Fiadeiro (1973), Galicia no corazón (1977), que recolle artigos e colaboracións publicadas en El Progreso, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Correo de Galicia, La Noche, La Región, Vieiros e Lar; Escudos de Lugo (1979) e Baldaquinos galegos (1987), con X. Filgueira Valverde, edición ampliada dunha primeira versión de 1930. Ademais traduciu ao galego As cartas de Galicia (1968), de Prosper Henri-Devos. Membro correspondente da Sociedade Martins Sarmento de Guimarães (1957), da Sociedade Brasileira de Folklore (1965) e da Real Academia de la Historia, foi galardoado co Premio Ramón Mourente (1960), co Premio José Cornide do Centro Galego de Bos Aires (1964) e coa Medalla Castelao (1986).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso
Lugar : Madrid