Ramos López, Máximo

Ramos López, Máximo

Ilustrador, gravador e pintor. Comezou a súa formación artística en Ferrol, onde colaborou en El Correo Gallego. Trasladouse á Coruña onde tivo unha academia de debuxo e traballou no campo da publicidade. En 1910 emigrou a América, traballando de cartelista comercial e escenógrafo. Foi redactor xefe artístico de La Ilustración Española y Americana (1913) e en 1915 instalouse en Madrid. Escribiu e ilustrou Mientras llega la hora (1916), onde amosou a súas convicións ideolóxicas e aspiracións políticas revolucionarias con debuxos intensos e escritos breves que fixeron medrar a súa fama de anarquista. En 1920 trasladouse a València onde fundou un taller para a fabricación de abanos pero tras a morte da súa dona regresou a Madrid, onde traballou, ata 1936, para as editoras Prensa Española (ABC e Blanco y Negro) e Prensa Gráfica (La Esfera), realizou ilustracións para La novela de hoy e La novela semanal ademais de Escuela de rebeldía (1923) de Salvador Seguí. En 1926 gañou con Carmela o concurso de portadas de Blanco y Negro. Nestes anos dirixiu o semanario La linterna. Na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1934 acadou unha segunda medalla co gravado Mi abuelo el pirata. Co inicio da Guerra Civil, trasladouse a Galicia, Donostia e Bilbao, onde traballou en Fotos. Regresou a Madrid e na exposición de 1941 obtivo unha nova medalla co augaforte Las dos viudas. Realizou tamén cartóns para el palacio do Pardo. As súas ilustración e gravados evolucionaron desde o modernismo decorativo con referencias ao gravado xaponés ao expresionismo intimista ou testemuñal. Destacou como debuxante e acadou a súa maior expresividade ao xogar co contraste entre negros e brancos, os efectos lumínicos e a maior ou menor dureza do grafismo, cos que conseguiu efectos de claroscuro que case chegaban ao cromatismo. En acuarela realizou retratos, paisaxes e temas de animais e cultivou tamén o óleo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Graña, Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Madrid