Rande, Batalla de

Rande, Batalla de

Enfrontamento que se produciu na ría de Vigo o 23 de outubro de 1702, durante a Guerra de Sucesión Española, entre a escuadra española que transportaba a prata desde América co apoio dunha escuadra francesa dirixida por Château-Renault, e unha frota anglo-holandesa ao mando de G. Rooke. A presión anglo-holandesa impedira a descarga en Cádiz e o xeneral español Manuel de Velasco Tejada buscou refuxio na ría de Vigo. As embarcacións franco-españolas refuxiáronse na enseada de San Simón desde o 22 de setembro. Construíuse unha barreira no estreito de Rande e instaláronse 38 canóns no forte de Corbeira (Domaio, Moaña) e 17 na batería de Rande e comezou o desembarco do ouro que traía a frota. Parte das defensas desmontáronse cando parecía que os anglo-holandeses ían permanecer lonxe, pero o 21 de outubro esta frota apareceu na ría mentres se tentaban reconstruír as defensas. O 23 de outubro, despois de desembarcar as forzas anglo-holandesas, que destruíron as fortificacións e aniquilaron as tropas da costa, as embarcacións forzaron o paso e Velasco e Château-Renault, ante a incapacidade de rexeitar o ataque, fundiron os seus barcos para impedir que os ingleses se apoderasen da carga. A batalla rematou con máis de 2.000 mortos entre españois e franceses, e ao redor de 800 entre os británicos e holandeses, e 25 barcos afundidos. Aínda que houbo moitas riquezas que conseguiron salvarse e outras foron rapiñadas polos ingleses (que cuñaron moedas co ouro e a prata subtraídos), suponse que unha parte do tesouro que traían os galeóns aínda permanece no fondo da ría, a pesar das expedicións de rescate que se realizaron desde o mesmo século XVIII. O feito reflectiuno J. Verne en Vingt mille lieues sous les mers (1870), pois o capitán Nemo realizaba expedicións a Rande e cargaba o Nautilus con ouro para financiar as súas viaxes.

Palabras veciñas

randa | Randburg | Rande | Rande, Batalla de | Rande, estreito de | Rande, ponte de | randear