Ravenna
Capital da provincia homónima, situada en Emilia-Romaña, Italia (138.204 h [2001]). Cidade industrial, ten refinarías de azucre e de petróleo, explotacións de gas natural e fábricas de goma sintética. Capital do Imperio Romano de Occidente desde Flavio Honorio (402) e posesión de Odoacro, foi conquistada en 493 por Teodorico I, que a fixo a súa capital. Tomada por Belisario, xeneral de Xustiniano I (539), converteuse en capital do exarcado homónimo. En 751 ocupárona os longobardos e decaeu. En época dos emperadores Odóns, e aínda rexida polos seus arcebispos, recuperou parte do seu prestixio. O seu goberno pasou a mans de diferentes familias locais no s XII, entre 1509 e 1860 pertenceu aos Estados Pontificios, e logo uniuse a Piemonte. Dotada dun extenso patrimonio cultural, do s V son a catedral, reconstruída en 1734; a capela de San Lorenzo, unha pequena construción de ladrillos de planta de cruz grega e ciborio, de exterior simple e interior recuberto de mosaicos; o mausoleo de Gala Placidia, decorado con mosaicos; e os baptisterios dos Ortodossi ou Neoniano, de forma octogonal e con cúpula, e o dos Ariani, de planta octogonal con catro ábsidas e cúpula, construído a finais do século. A catedral ariana, hoxe igrexa do Spirito Santo, de finais do s V, foi reedificada no s XVI. A capela palatina de Teodorico é a igrexa de Sant’Apollinare Nuovo (s VI), edificio de planta basilical con tres naves, a central revestida de mosaicos que constitúen un dos conxuntos máis destacados dos mosaicos de Ravenna. O mausoleo de Teodorico I (520) é unha construción de planta central, coroada por unha cúpula monolítica. A igrexa de San Vitale, comezada a finais do s V e consagrada polo arcebispo Maximiliano (547), pertence ao tipo martyrium e ten planta octogonal. Nas aforas da cidade sitúase a basílica de Sant’Apollinaire in Classe, consagrada en 549, cunha nave central con dúas ringleiras de columnas de mármore, e con mosaicos do s VI nas ábsidas e no arco toral. Do s XVIII son o Palazzo Comunale e a tumba de Dante Alighieri. Os monumentos paleocristiáns, construcións relixiosas e mosaicos, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1996.