Real Decreto-Lei 7/1978, polo que se aproba o réxime de preautonomía para Galicia ou Real Decreto-Lei 7/1978, de 16 de marzo

Real Decreto-Lei 7/1978, polo que se aproba o réxime de preautonomía para Galicia ou Real Decreto-Lei 7/1978, de 16 de marzo

Real Decreto-Lei aprobado polo goberno da UCD o 16 de marzo de 1978, que foi publicado no BOE dous días máis tarde e no que se lle concedeu a Galicia un réxime de autonomía transitoria. Organizado en 11 artigos e tres disposicións finais, instituíu a Xunta de Galicia como órgano de goberno con personalidade xurídica plena para xestionar e administrar os servizos e funcións cedidos pola administración central, propoñer ao goberno medidas relacionadas cos intereses de Galicia e integrar as funcións das catro deputacións provinciais en canto atinxisen aos intereses xerais de Galicia. De acordo con este Decreto, e co Real Decreto 474/1978 que o desenvolvía, o goberno preautonómico galego, que se constituíu o 18 de abril baixo a presidencia de Antonio Rosón Pérez, exerceu provisionalmente as súas funcións en tanto non se constituíron os órganos definitivos da Comunidade Autónoma de Galicia, definidos no Estatuto de Autonomía de 1981. O feito de ser considerada unha nacionalidade histórica e poder contar co réxime provisorio de autonomía, permitiulle a Galicia acollerse á Disposición Transitoria Segunda da Constitución de 1978 e acceder á tramitación e referendo do seu estatuto para conquerir autonomía plena.

Palabras veciñas

Real de Gandia | Real de la Jara, El | Real de Montroi | Real Decreto-Lei 7/1978, polo que se aproba o réxime de preautonomía para Galicia ou Real Decreto-Lei 7/1978, de 16 de marzo | Real Fábrica de Mantelerías de La Coruña | Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara | Real Filharmonía de Galicia