Real Fábrica de Mantelerías de La Coruña
Fábrica de lenzos e manteis instalada na Coruña desde finais do s XVII. A súa apertura, entre 1684 e 1685, debeuse á iniciativa dos flamengos Hadrián de Roo e Baltasar de Kiel, que gozaron de importantes privilexios e exencións e da posibilidade de importar materias primas. Parte da súa produción, elaborada con materia prima propia aínda que seguindo o estilo flamengo, foi destinada a abastecer á Casa Real. A súa mellor época viviuna durante a segunda metade do s XVIII, debido ao incremento das demandas por parte da Casa Real e tamén polos envíos a América. Cara a finais de século comenzou a competencia con outros lenzos, como os de San Ildefonso, e a estas dificultades engadiuse o feito de que, ao permanecer ligada ás estruturas do Antigo Réxime, o seu funcionamento baseouse nos contratos que os seus administradores suscribían coa Casa Real, polo que crebou en 1809, cando parte das institucións do Antigo Réxime se viñeron abaixo.