2 realismo

2 realismo

(< 2 real)

  1. s m

    Calidade de realista.

  2. s m

    Exactitude na maneira de representar a realidade.

  3. [ARTE]
    1. s m

      Actitude estilística que procura elaborar formas artísticas con adecuación aos aspectos da realidade. Este termo adoita utilizarse para definir os movementos artísticos de diferentes períodos históricos, como a arte grega do s V, os retratos romanos de época imperial, o naturalismo gótico, o Catrocentos florentino e flamengo, Caravaggio, a pintura castelá, francesa e holandesa do s XVII ou os pintores napoleónicos. En sentido estrito, designou a corrente artística, especialmente pitórica e literaria, de mediados do s XIX que se caracteriza por querer representar as cousas tal e como son na realidade, sen embelecelas. Nacido en Francia, estendeuse por Europa e tivo como consecuencia o impresionismo. Os principais representantes foron G. Courbet, H. Daumier, J. F. Millet, C. de Groux, A. von Menzel, os artistas da escola da Haia, I. S. Repin e, en escultura, C. Meunier. A poética do realismo deixou pouso no impresionismo, pero foi retomada sobre todo pola estética marxista, co realismo socialista. Outros movementos artísticos do s XX tamén tiveron nel un punto de referencia constante, como o Neue Sachlichkeit (‘Nova Obxectividade’) alemán de O. Dix e G. Grosz, o neorrealismo italiano da posguerra, o surrealismo de M. Ernst, o realismo máxico ou, máis recentemente, a pop-art, o hiperrealismo e ata o Nouveau Réalisme presentado en 1960 por Yves Klein ou Christo. Na historiografía e na crítica de arte actuais este concepto utilízase co sentido de que comprende toda a gama das interpretacións do fenómeno do vivir natural e histórico, coa condición de que seguen formuladas desde a autenticidade das emocións artísticas e desde a participación do artista nos traumas da súa sociedade.

    2. realismo máxico

      Corrente pictórica do s XX que se caracteriza por representar cunha gran minuciosidade os obxectos da vida cotiá, tan xustapostos que dan impresión de inquietude e de irrealidade, cunha técnica de pincelada plana. Coñecido tamén como postexpresionismo, iniciouse cara a 1920 coa obra de G. De Chirico, a segunda etapa de produción de C. Carrá e o grupo Valori Plastici, e foi continuado por Roy e R. Magritte e por P. Delvaux, O. Dix e Balthus. Durante as décadas de 1930 e 1940, desenvolveuse cunha gran forza en EE UU.

  4. [LIT]
    1. s m

      Doutrina estética que se basea na descrición obxectiva da realidade, tal e como se pode localizar en determinadas obras literarias e artísticas, sen concesións ao embelecemento ou á idealización. En literatura, xurdiu cara a 1850 como unha reacción contra os excesos da novela romántica e co tempo chegou a constituír unha escola, definida en Francia e irradiada sen interrupcións ata os tempos máis modernos. Os antecedentes están na novela picaresca e na novela sentimental do s XVIII, aínda que é cos románticos como o realismo se abre camiño, co propósito de describir unha sociedade, onde destacou por exemplo Balzac. Despois de 1850, a difusión do positivismo e o progreso das ciencias naturais influíron nos escritores, que tomaron unha actitude de rigorosa observación e que formularon un problema de escola. A fronteira entre realismo e naturalismo, que se iniciou cara a 1880, foi sempre pouco concreta. A literatura francesa define como realistas a G. Flaubert e A. Daudet. A novela realista inglesa non saíu da súa tradición de novela sentimental e de costumes, co cariz moralizador da época vitoriana, onde destacaron Ch. Dickens, G. M. Thakeray e G. Eliot. A influencia francesa produciu en Rusia novelistas da calidade de F. Dostojevskij, L. Tolstoi e I. Turgenev. Na literatura castelá, a novela realista cultivárona B. Pérez Galdós, Emilia Pardo Bazán, L. Alas Clarín, J. M. de Pereda e Juan Valera. No ámbito da literatura galega o realismo triunfou en Europa no momento en que Galicia vivía o Rexurdimento das súas letras e cómpre ter en conta as influencias que puideron vir da literatura castelá, especialmente da man de Galdós e Pardo Bazán, así como da literatura portuguesa, en menor medida, con Eça de Queirós como principal representante. Neste contexto xurdiron algunhas propostas coas que se pretendía crear certa tradición na prosa narrativa galega, con Maxina ou a filla espúrea (1880), de Marcial Valladares Núñez; Gallegadas (1887) e O catecismo do labrego (1889), de Valentín Lamas Carvajal; Pé das Burgas (1899), de Álvarez de Nóvoa; e A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas (1905), de Antonio López Ferreiro.

    2. realismo máxico

      Corrente literaria, propia da literatura hispanoamericana da segunda metade do s XX, que pretende fundir a realidade narrativa con elementos fantásticos ou fabulosos. Ademais dos escritores Miguel Ángel Asturias, Alejo Carpentier, Julio Cortázar, Carlos Fuentes e Mario Vargas Llosa, destaca Gabriel García Márquez, autor de Cien años de soledad (1967). Á marxe dos escritores hispanoamericanos, destaca a obra dos autores europeos Italo Calvino, Milan Kundera ou Salman Rushdie.

  5. s m [FILOS]
    1. Doutrina metafísica, oposta ao nominalismo, segundo a que os universais (os xéneros e as especies) existen como esencias, en parte non redutibles aos conceptos intelectuais e aos termos de que son expresión. No s XII Guillermo de Champeaux defendeu, en fronte de Roscelin e de Pedro Abelardo, un realismo extremo, mentres que Tomé de Aquino, estableceu un realismo moderado, para volver radicalizarse no formalismo de John Duns Escoto nos inicios do s XIV.

    2. Doutrina epistemolóxica, oposta ao idealismo, segundo a que o suxeito cognoscitivo capta unha realidade que existe independentemente del e que, ao adoptala, lle manifesta a súa maneira de ser. Distínguese entre realismo inmediato se o suxeito intúe inmediatamente a transcendencia da realidade coñecida, e mediato se a descobre soamente mediante un razoamento. Característico, dunha ou doutra forma, de case toda a filosofía anterior a Kant, volveu adquirir vigor no s XX coa neoescolástica, o realismo crítico e o neorrealismo anglosaxón, o historicismo, a fenomenoloxía e o marxismo en bloque.

  6. realismo socialista [ARTE/LIT]

    Método artístico que se basea na descrición fiel da realidade nun contexto histórico concreto, baixo unha tendencia ideolóxica definida que educa a sociedade e a faculta para a construción do comunismo. Afirma que a arte debe representar a actividade das masas populares e considera a vida laboral, social e privada como un todo indivisible. Presupón a análise histórica de conceptos eternos, como o ben e o mal, a beleza ou a fealdade e representa o enfrontamento dos termos vangarda e popular, coa sobrevaloración deste último. A cultura convértese, polo tanto, nun feito pechado cun mínimo de busca plástico-artística, e é un ente propagandístico do sistema político. Creado no campo literario por M. Gor’kij na década de 1920, K. Stanislavskij aplicouno ao teatro, V. V. Majakovskij á poesía, S. M. Ejzenstejn ao cine, D. V. Sostakovič e S. S. Prokof’ev á música, e Šadra e V. I. Mukhina á escultura. Despois da Revolución de Outubro, iniciou unha nova etapa relacionada coa construción do socialismo. Fóra da URSS, contou con adeptos como B. Brecht, L. Aragon ou P. Neruda.