reflexión

reflexión

(< lat reflexĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de reflectir ou reflectirse.

  2. s f [FILOS/PSIC]

    Operación pola que a mente pon atención aos propios actos do coñecemento, e incluso ao eu ou suxeito que os sustenta, e non ao contido destes mesmos actos. Foi interpretada tradicionalmente como peculiaridade do home e como equivalente á conciencia. Na modernidade especificouse o sentido da reflexión como operación do sentido interno contraposta á sensación, como antecedente das correspondentes ideas ou como acto radicalmente redutible á sensación.

  3. s f [FÍS]

    Obtención da figura simétrica dunha dada con relación a un plano que se toma como elemento de simetría. Cada punto e a súa imaxe atópanse sobre unha recta perpendicular ao plano de reflexión e a igual distancia a un e a outro lado deste. A reflexión con esvaramento é unha operación complexa de simetría que consiste na asociación dunha reflexión e unha translación paralela ao plano de translación.

  4. s f [FÍS]

    Modificación da traxectoria dunha partícula, dun raio ou da fronte dunha onda cando inciden sobre unha superficie límite do medio por onde se moven. No caso particular dos raios, pódese probar que a recta normal da superficie reflectora, o raio incidente e o reflectido son coplanarios, formando o denominado plano de reflexión, á vez que os ángulos formados por cada un dos raios coa normal (denominados ángulo de incidencia î e ángulo de reflexión ˆr) son iguais. Cando unha onda é parcialmente reflectida nunha superficie, defínese o coeficiente de reflexión R como R= I r /I i , onde I i é a intensidade da onda incidente e I r é a da onda reflectida. No caso das ondas, as anteriores leis resultan ser consecuencia do principio de Huygens, e na aproximación xeométrica da óptica, resultan selo do principio de Fermat. Cando unha onda transversal incide sobre unha superficie e é reflectida, queda parcialmente polarizada. Este fenómeno denomínase polarización por reflexión; foi descuberto por Malus e cumpre a lei de Brewster. A reflexión é a base de moitas montaxes ópticas.

  5. s f [MAT]

    Simetría respecto a un plano (simetría especular) ou a unha recta.

  6. coeficiente de reflexión [FÍS]

    En mecánica cuántica, probabilidade que ten unha partícula de ser reflectida por unha barreira de potencial, cuxo nivel de enerxía é superior ao da partícula. Os valores que poden coller están comprendidos entre 0 e 1. O coeficiente de reflexión e de transmisión sempre suman 1.

  7. factor de reflexión [FÍS]

    Relación entre o fluxo luminoso reflectido por un corpo, obxecto ou superficie e o fluxo incidente.

    Sinónimos: reflectancia.
  8. reflexión acústica [FÍS]

    Fenómeno que consiste no feito de que cando un obxecto se interpón no ámbito de propagación dunha onda sonora, unha parte da enerxía volve ao medio orixinal (é reflectida) e outra parte é absorbida e transmitida polo obxecto. A proporción de enerxía reflectida depende das propiedades de absorción e das dimensións do obxecto. Este fenómeno emprégase para medir a potencia acústica mediante a cámara de reverberación.

  9. reflexión total [FÍS]

    Fenómeno polo que cando unha cousa pasa dun medio máis refrinxente a outro menos refrinxente (refracción), hai un ángulo de incidencia máximo t tal que todos os raios que inciden cun ángulo máis grande que este non pasan ao segundo medio nin tan sequera parcialmente, senón que son reflectidos outra vez ao medio de onde proceden. O ángulo límite só depende dos índices de refracción n 1 e n 2 dos dous medios. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].

Refráns

  • Antes de casar, débelo pensar.
  • As cousas ben pensadas son máis acertadas.
  • As cousas ben pensadas, ben asentadas.
  • Ben ve o cego.cando el se mira por dentro.
  • Despacio pensa e obra á présa.
  • Mete a man no seo: verás o teu mal e mailo alleo.
  • Mete as mans no seo e verás o teu mal e o alleo.
  • Mira ben o que fas e o que teñas que facer.
  • O ben pensado é o mais acertado.
  • O bo conselleiro aconséllase consigo primeiro.
  • O traveseiro é un gran conselleiro, que dá o consello sen cobrar diñeiro.
  • Para lixeiro mester tamén compre chencha ter.
  • Pensa moito e fala pouco.
  • Pensalo ben e facelo mal non é cousa natural.
  • Pénsao ben e non o farás mal.
  • Se metes a man no teu seo, non dirás do malfado alleo.