regalismo

regalismo

(

s m [HIST/POLÍT]

Doutrina e política que defende a preponderancia dos poderes estatais sobre os eclesiásticos. Denominouse así a política relixiosa dos soberanos europeos durante os ss XVII e XVIII que tiña como finalidade controlar a acción da Igrexa. O termo aplicouse especialmente á coroa castelá, xa que noutros estados recibiu outros nomes como galicismo na coroa francesa, ou xosefinismo nos estados dos Habsburgo. Entre os dereitos eclesiásticos que os monarcas reclamaron como regalías da coroa figuran o padroado rexio ou o dereito de presentar ou emendar candidatos para os beneficios ou de ocupar as súas vacantes, o plácet, e a regalía de amortización ou intervención da autoridade civil fronte á acumulación de bens inmobles por parte da Igrexa. A intervención do estado no terreo da Igrexa remóntase aos tempos dos Reis Católicos, que obtiveron o padroado rexio para as coroas de Castela e de Aragón (1482) e para América (1510). En 1753, durante o reinado de Fernando VI, asinouse un concordato que establecía a concesión do dereito universal do padroado rexio. Durante o reinado de Carlos III o regalismo aumentou pero acabou coa caída do Antigo Réxime, aínda que algunha prerrogativa permaneceu como o dereito de presentación que se mantivo nos concordatos de 1851 e 1853 e ao que renunciou Xoán Carlos I en 1976.

Palabras veciñas

regalar | regalía | regalicia | regalismo | regalista | regalo | regaludo -da