Región, La

Región, La
[PUBLIC]

Xornal publicado en Ourense a partir do 15 de febreiro de 1910. Subtitulouse “Diario independente. De intereses generales, de noticias y avisos”, aínda que co tempo desapareceu este lema. De tendencia católica e convervadora, e impulsada por Acción Social Católica, tivo os seus propios obradoiros tipográficos. Durante a súa primera época adoptou unha postura monárquica e funcionou como órgano oficioso da CEDA durante a Segunda República. Ao longo da súa historia participaron na súa dirección Manuel Cambón Fraga (1910-1913), Marcial Ginzo Soto (1913-1930), Agustín Mosquera Gil (1930) e Xosé Fernández Gallego (1930-1932), ata que, poucos anos despois da Guerra Civil, os irmáns Ricardo e Alejandro Outeiriño se fixeron coa dirección e o control económico do xornal, mantiveron a súa orientación conservadora e lle deron un carácter máis profesional. O xornal abriuse entón ás colaboracións dalgúns membros do Grupo Nós, como R. Otero Pedrayo, F. López-Cuevillas e V. Risco, ou dos seus continuadores, que chegaron ata a década de 1970; nas súas páxinas de opinión e cultura recolleu algunhas das plumas máis destacadas da literatura e da política en Galicia en diversos períodos, como Xavier Alcalá, E. Blanco-Amor, X. Calvo Sotelo, Carlos Casares, Á. Cunqueiro, Celso E. Ferreiro, X. Ferro Couselo, Manuel Guede, Xoaquín Lorenzo, Manuel María, Luís Moure, X. Prado Lameiro, X. Taboada Chivite, A. Tovar, Ángel Sevillano e Marcos Valcárcel, sen esquecer as ilustracións de Tomás Bóveda, Conde Corbal, Manuel Prego de Oliver e Virxilio. Ademais, editou diversos suplementos, como “Arte y letras” e “Na escola”, este último coordinado por Nova Escola Galega e orientado ao movemento pedagóxico. En 1968, Ricardo Outeiriño vendeu a súa participación ao seu irmán e, en 1973, o engadido de Acción Social Católica desapareceu, quedando como cabeceira única La Región. Durante toda a súa vida foi diario, agás nunha época en que se tirou os luns a Hoja del lunes, que desapareceu a partir de decembro de 1985. Presidido por Xosé Luís Outeiriño e dirixido por Alfonso Sánchez Izquierdo, constitúe o xornal líder da provincia de Ourense, onde vende practicamente a totalidade da súa edición.