Regueira Fernández, Xosé Luís

Regueira Fernández, Xosé Luís

Goiriz, Vilalba 07/07/1958. Filólogo.

Licenciado en Filoloxía Románica pola USC (1982), en 1983 entregou a memoria de licenciatura titulada O exordio estacional na lírica galorrománica medieval. Foi lector de castelán e galego na Universidade de Colonia (1985-1987). Regresou en 1987 á Universidade de Santiago de Compostela como axudante e en 1989 obtivo o título de Doutor en Filoloxía Románica coa tese titulada A fala do Norte da Terra Chá: estudio descritivo, dirixida por Antón Santamarina. En 1994 obtivo a praza de profesor titular e en 2008 a de catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, onde continúa exercendo. Foi director do Departamento de Filoloxía Galega de 2005 a 2009. 

É tamén investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) desde 1981 do que foi secretario entre os anos 1996 e 2005 e actualemente (2018) é director. Nesta institución leva, dende 1988, coordinando e participando, como director e tamén como docente, os Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para persoas de fóra de Galicia . Participou támen na organización de cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Internacional Menéndez y Pelayo, na súa sede da Coruña. 

Desde o ano 2000 é membro correspondente da Real Academia Galega e no 2012 entrou a formar parte do plenario da RAG como membro numerario co discurso Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI respondido polo profesor e tamén académico numerario Manuel González. As súas investigacións iniciais centráronse na gramática do galego (é coautor de Gramática galega, 1986, premio Losada Diéguez de investigación) e posteriormente na fonética e no estudo da variación lingüística e da historiografía da lingua galega. Coordinador, desde 1990, da revista Cadernos de Lingua, publicou, como director, Bibliografía da lingüística galega (1996) e Os sons da lingua (1998).

Colabora regularmente desde 1993 en Linguistic bibliography / Bibliographie linguistique, que é publicado en papel con periodicidade anual pola editora Brill. Publicou e presentou en congresos e simposios numerosos traballos sobre fonética acústica da lingua galega, como por exemplo “Estudio acústico das vocais tónicas galegas en posición fonética normal”, "Acerca de la estructura prosódica del texto: finales de enunciado en gallego” ou a descrición da fonética galega no Journal of the International Phonetic Association, recollida logo en Handbook of the International Phonetic Association. Estes son só algúns exemplos da extensa obra que ten publicada. 

É autor do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega, e da versión falada posta na rede en 2011 na web no Instituto da Lingua Galega (ilg.usc.es/pronuncia). Actualmente (2018) é membro da Asociación Internacional de Estudos Galegos e da International Phonetic Association. É coordinador da revista Cadernos de Lingua, publicada pola Real Academia Galega, desde a súa fundación en 1990. Tamén forma parte dos comités científicos das revistas Verba, Estudos de Lingüística Galega e Revista Internacional de Lingüística Iberoamericana.