Reims

Reims

Cidade do departamento de Marne, Champagne-Ardenas, Francia, situada á beira do río Vesle, afluente do Aisne, e do canal Marne-Aisne (187.206 h [1999]). Xunto con Épernay é o centro industrial do distrito champañés e dispón dun dos portos fluviais máis importantes de Francia, onde destaca a industria do champaña, a de montaxe de automóbiles, a de equipamento aeronáutico, a alimentaria e a da confección. Capital da tribo gala dos remi, os romanos chamárona Durocortorum. Foi sé episcopal a partir do s III e, devastada polos vándalos e os hunos, foi reconstruída polos francos. A importancia estratéxica do seu emprazamento concedeulle desde sempre unha grande importancia militar. Alí foi asinada a rendición alemá ao final da Segunda Guerra Mundial (1945). Do seu patrimonio cultural destaca a catedral gótica, construída sobre unha antiga basílica do s IX e que destaca pola súa profusa decoración escultórica. Tivo que ser reconstruída despois da Primeira Guerra Mundial.