relicario
(
Caixa ou estoxo, de material e formas variadas, onde se conservan reliquias. Empréganse desde os primeiros tempos do cristianismo, cando se utilizaban recipientes de arxila ou vidro, como as ampolas. Desde a Idade Media adoptaron as formas arquitectónicas das igrexas románicas, góticas e renacentistas, e a miúdo aumentaron as súas proporcións ata poder conter corpos enteiros. Unha das formas máis típicas é a custodia, pero a estrutura máis corrente é a do pequeno recipiente de vidro montado sobre unha peaña decorada de metal nobre. Esta estrutura perdurou ata o s XIX. Unha forma característica á marxe destas tipoloxías é a unha pequena estatua con relicario incorporado. Tamén adoptaron forma de tríptico ou de cruz, e hainos portátiles como medallóns e peitorais.