Relixión, Guerras de

Relixión, Guerras de

Conflitos bélicos que enfrontaron en Francia a católicos e calvinistas, denominados hugonotes, entre 1562 a 1598. A política tolerante de Catarina de Medici provocou a reacción dos católicos, dirixidos por Francisco de Guisa, que iniciaron a guerra civil coa matanza da comunidade hugonote de Wassy (1562), ata que chegou a Paz de Amboise (1563), que garantiu a liberdade de conciencia. O medo dos hugonotes a un complot católico internacional provocou novas hostilidades. Asinada a Paz de Saint-Germain (1570), a matanza da Noite de San Bertomeu (do 23 ao 24 de agosto de 1572) provocou o reinicio da loita armada, ata chegar a Paz de Beaulieu (1576), pola que Enrique III de Francia recoñeceu a liberdade de culto aos hugonotes. Os católicos formaron a Santa Unión, a guerra reiniciouse e os hugonotes tiveron que aceptar algunhas limitacións ás súas liberdades pola Paz de Bergerac (1577). Ao morrer Francisco, duque de Alençon (1584), Enrique III de Navarra, xefe dos hugonotes, converteuse en sucesor ao trono de Francia, o que provocou a Guerra dos Tres Enriques (1585-1589) que o enfrontou a Enrique de Guisa e Enrique III de Francia. Mortos estes, Enrique III de Navarra subiu ao trono de Francia (Enrique IV) e consolidou a súa posición converténdose ao catolicismo. A guerra, que pasou a ser un conflito entre Enrique IV e Filipe II de Castela, quen defendía os dereitos da súa filla Isabel Clara Uxía ao trono francés, finalizou coa promulgación do Edito de Nantes (1598), que garantiu a tolerancia relixiosa en Francia.

Palabras veciñas

Reliquias, capela das | relito -ta | relixión | Relixión, Guerras de | relixionario -ria | relixiosamente | relixiosidade